IGUALDADE

Programa de teleasistencia móbil para as vítimas de violencia de xénero

ATENPRO

Este programa está orientado a proporcionar medidas protectoras de carácter civil e social que eviten o desamparo das vítimas de violencia de xénero. Xurdiu como unha iniciativa do IMSERSO e da FEMP, a partir da Lei 27/2003, de 31 de xullo, reguladora da orde de protección das vítimas da violencia doméstica.


A Deputación de Pontevedra foi a primeira en adherirse a este servizo, concretamente en marzo de 2005. Atendéronse as mulleres vítimas dese tipo de violencia que contaban cunha orde de protección ou con medidas de distanciamento decretadas xudicialmente.

O servizo de teleasistencia móbil garante a máis estrita confidencialidade no relativo aos datos das vítimas, proporciónalles unha atención inmediata e asegúralles unha resposta rápida ás eventualidades que poidan sobrevir, as 24 horas do día e os 365 días do ano, sexa cal sexa o lugar no que se atopen.

O servizo ATENPRO baséase na utilización de tecnoloxías de comunicación a distancia e de xeolocalización a través da entrega de dispositivos de ATENPRO, como poden ser teléfonos móbiles, premedores de emerxencia ou reloxos intelixentes. Isto permite que, ao premer un botón, as mulleres vítimas de violencia machista poidan entrar en contacto inmediato co centro de control de ATENPRO, dispoñible as 24 horas do día por persoal especificamente preparado para darlle unha resposta adecuada á súa situación, a través da intervención social e psicolóxica.

Ante unha situación de emerxencia poderán contactar co centro de atención de ATENPRO, desde o que se mobilizarán os recursos adecuados á situación (aviso a forzas e corpos de seguridade, recursos sanitarios etc.) e se facilitarán solucións. Ademais, contactarase periodicamente coas usuarias do servizo co obxectivo de realizar un seguimento durante o proceso de recuperación da súa situación.

É un servizo accesible para mulleres con discapacidade auditiva (módulo SOTA); a través dunha aplicación instalada no terminal pódese contactar co centro de atención mediante mensaxes de texto.

Persoas destinatarias

Ademais de protexer as vítimas de violencia de xénero, amplíase a atención ás vítimas de agresión, abuso, acoso ou violencia sexual cometida no ámbito dixital e a todas as formas de violencia exercida contra a muller recoñecidas no Convenio de Estambul.

Acceso ao servizo

O servizo de ATENPRO pode solicitarse nos centros de información á muller e nos servizos sociais comunitarios municipais da súa localidade.