#TRANSPARENCIA
Plan de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude
da Deputación Provincial de Pontevedra
A Deputación de Pontevedra, co obxectivo de cumprir co recollido no artigo 6 da Orde HFP/1030/2021, de 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, aprobou mediante Resolución presidencial número 2022000940, de 4 de febreiro de 2022, o Plan de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da Deputación Provincial de Pontevedra, que ten como obxectivo garantir e declarar que a Deputación Provincial de Pontevedra, como entidade executora e/ou xestora chamada a participar na execución das medidas do Plan de recuperación, transformación e resiliencia da economía española (PRTR), vai utilizar os fondos provenientes do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR) regulado polo Regulamento (UE) 2021/241, do Parlamento Europeo e do Consello, de 12 de febreiro de 2021, de conformidade coas normas aplicables, en particular, no que se refire á prevención, detección e corrección da fraude, á corrupción e aos conflitos de intereses.
Este plan estrutúrase ao redor de catro elementos clave do denominado ciclo antifraude: prevención, detección, corrección e persecución, e será de aplicación a todos os órganos e a todo o persoal da Deputación Provincial de Pontevedra que interveña na xestión de fondos provenientes do MRR.
O plan segue as directrices reflectidas na Orde HFP/1030/2021, de 29 de setembro, e organízase en oito puntos:
- Caracterización da Deputación de Pontevedra
- Compromiso de integridade e marco ético institucional
- Definicións de fraude, corrupción, conflito de intereses e irregularidade
- Comisión antifraude
- Identificación e avaliación de riscos de xestión
- Estruturación e definición das medidas antifraude
- Seguimento e modificación do plan
- Especial referencia ao conflito de intereses
Coa aprobación deste plan a Deputación Provincial de Pontevedra adopta unha política de tolerancia cero coa fraude e establece un sistema de control interno deseñado para previr e detectar, no posible, calquera actuación fraudulenta e, no seu caso, emendar as súas consecuencias, para o que asume os principios de integridade, imparcialidade e honestidade no exercicio das súas funcións.
Neste sentido, realízase unha autoavaliación que identifica os riscos específicos, o seu impacto e a probabilidade de que ocorran; elabórase un procedemento para tratar os conflitos de intereses e defínense os indicadores de fraude ou sinais de alerta (bandeiras vermellas). Existe unha canle para que calquera persoa interesada poida presentar denuncias e, de ser o caso, o procedemento para poñer en coñecemento das autoridades públicas nacionais ou da Unión Europea, ou ante a fiscalía e os tribunais competentes os posibles feitos punibles.