Rafa Domínguez reafirma o compromiso da institución provincial coa memoria democrática na presentación das xornadas Recuperando o pasado para construír o futuro
“Queremos recuperar a memoria dun tempo escuro a través da historia de persoas e entidades que traballaron para construír unha sociedade máis xusta, igualitaria e democrática”, remarcou o vicepresidente provincial
18/12/2024
Co obxectivo de avanzar no compromiso da institución provincial coa memoria democrática, o vicepresidente da Deputación Rafa Domínguez, xunto con Amalia Bóveda e Xosé Fortes, acaba de presentar no Arquivo do organismo provincial as xornadas Recuperando o pasado para construír o futuro, que acollerá o Edificio Castelao o vindeiro sábado 21 de decembro. “Queremos recuperar a memoria dun tempo escuro a través da historia de persoas ou entidades que traballaron para construír unha sociedade máis xusta, igualitaria e democrática”, subliñou Domínguez.
“Como responsables públicos unha das nosas misións é loitar contra a inxustiza”, remarcou o vicepresidente provincial. Neste eido, Rafa Domínguez engadiu o compromiso persoal e político do conxunto da Deputación de Pontevedra coa difusión da memoria democrática e reiterou a necesidade de “estudar e aprender do pasado desde o presente para poder manter viva a memoria e facer fincapé nas inxustizas que se viviron en tempos escuros”. Por estes motivos, o vicepresidente provincial puxo en valor a importancia destas xornadas “que teñen un dobre propósito: honrar a memoria de quen loitou por construír unha sociedade máis igualitaria e democrática e fomentar unha reflexión colectiva sobre o pasado”.
As xornadas terán lugar ao longo da mañá do sábado, entre as 10.15 e as 13:00 horas e nelas proxectarase o documental “Crónicas da Galicia mártir: Alexandre Bóveda”, de Xan Leira. Tamén haberá unha análise, moderada por María Díaz, na que participarán Valentín García Bóveda e Xan Leira, e unha mesa de debate sobre Memoria é/e máis/mais Democracia conducida por Valentín García Bóveda e na que participarán Ernesto Vázquez-Rey Farto, Xosé Fortes e Amalia Bóveda. “Trátase de moito máis que un acto institucional – asegurou o vicepresidente-. Trátase dun exercicio de recuperación histórica, unha oportunidade para visibilizar as voces de quen foron silenciados e un compromiso coas xeracións futuras. Queremos que a mocidade coñeza o pasado para que poida construír un futuro máis consciente e xusto”.