A Deputación completa as obras que transforman por completo a estrada que une Gondomar co Porriño

A deputada provincial Isabel Couselo visitou en Gondomar a segunda fase dos traballos na EP-2403 Mosende-Morgadáns, cun orzamento próximo aos 600.000 euros

22/08/2024

Visita remate das obras Mosende-Morgadáns

A Deputación de Pontevedra acaba de rematar as obras de transformación da estrada provincial que une os concellos de Gondomar e O Porriño. A deputada provincial de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación, Isabel Couselo, visitou este xoves acompañada do alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, o remate da segunda fase dos traballos acometidos na EP-2403 Mosende-Morgadáns, que tiveron un orzamento próximo aos 600.000 euros asumidos por completo pola institución provincial e que supuxeron actuar ao longo de 5,5 quilómetros desta vía.

As obras consistiron principalmente na reparación do firme da estrada para mellorar a capacidade portante do firme e mais as súas características superficiais. Executouse un saneamento profundo da vía (máis de 16.000 m2 de superficie) así como o fresado da calzada, a reposición do firme, así como a súa regularización e reforzo. Ademais, procedeuse á mellora da drenaxe e á instalación de nova sinalización, unha barreira metálica así como sistemas de contención de vehículos para salvagardar a debida prestación do servizo público e mellorar as condicións de seguridade da vía.

Esta segunda fase, que afectou o tramo correspondente ao concello de Gondomar, únese aos traballos executados anteriormente no primeiro tramo da estrada, no termo municipal do Porriño e nos que se incluíu tamén a EP-2404 de acceso a Chenlo (de tan só 800 metros e paralela a esta). En total, no conxunto das dúas fases a Deputación dedicou arredor de 1,1 millóns de euros para a transformación total da estrada provincial.