A Deputación visita a estrada provincial EP-0503 Mané-Rebón para explicar á veciñanza as obras que se están acometendo e adiantar que o convenio para o ensanche da vía está a piques de ser asinado
A deputada de Infraestruturas Públicas, Isabel Couselo, xunto co alcalde de Moraña, Sito Gómez, reuniuse coa veciñanza da vila para explicar as actuacións que se están a acometer de forma urxente para reparar o firme e manter a estrada en óptimo estado de seguridade tras oito anos de abandono
12/12/2024
A deputada de Infraestruturas Públicas, Isabel Couselo, visitou xunto co alcalde de Moraña, Sito Gómez, e membros do goberno local, a estrada provincial EP-0503 Mané-Rebón para explicar á veciñanza as obras que se están acometendo de forma urxente para reparar o firme e manter a estrada en óptimo estado de seguridade tras oito anos de abandono. Ademais, Couselo tamén adiantou ás veciñas e veciños que o convenio para a mellora da mobilidade e seguridade viaria nun tramo desta estrada provincial, que ascende a 1,4 millóns de euros, vai ser aprobado proximamente en Xunta de Goberno da Deputación.
Para a deputada provincial, ademais das actuacións recollidas no convenio, tamén era unha obriga realizar actuacións de forma urxente no resto da vía provincial, realizando unha reparación do firme á espera do futuro ensanche para manter a estrada nunha situación óptima. Deste xeito, Couselo explicou que o pavimento se atopa nun deficiente estado de conservación, debido á ausencia de obras nos últimos 8 anos, e que é preciso reparar o firme para garantir a seguridade, tendo tamén en conta o tráfico pesado que se prevé concentrar na estrada provincial cando comecen as obras contempladas no convenio.
O convenio para a mellora da mobilidade e seguridade viaria na estrada provincial EP-0503 Mané-Rebón, tal e como recordou a deputada, consiste nunha intervención para ensanchar a vía entre o punto quilométrico 2+300 e o 3+624. En total, neste treito a estrada pasará a ter 7 metros de ancho, con dous carrís de 3 metros e unha beiravía de medio metro, así como contará cun mellor trazado a través da eliminación de curvas pronunciadas.