Recollidos preto de 17.000 quilos de uva na vendima dos viñedos do castelo de Soutomaior

Vinte e cinco persoas participaron esta semana durante dúas xornadas nestes traballos, adxudicados en poxa pública á empresa Enoturismo Acha

14/09/2023

VENDIMA FINCA CASTELO SOUTOMAIOR

A empresa Enoturismo Acha finalizou os traballos de vendima nos viñedos do terreo do castelo de Soutomaior, propiedade da Deputación de Pontevedra, cun total de 16.775 quilos de uva branca recollidos. Vinte e cinco persoas participaron esta semana na colleita realizada ao longo de dúas xornadas, o martes 12 e o mércores 13, nas catro hectáreas de viña desta contorna.

A firma que resultou adxudicataria na poxa pública promovida pola institución provincial para realizar a vendima encárgase tanto destes traballos de colleita coma do seu traslado posterior, e pagará 1,45 euros por quilo de uva albariña recollida e 1,05 euros polas outras variedades.

A explotación vitivinícola do castelo de Soutomaior remóntase a 1984 e ocupa catro das trinta hectáreas coas que conta o complexo histórico e patrimonial no seu conxunto. Toda a uva do castelo é autóctona, e albariña na súa maioría, pero nos viñedos tamén se atopan outras variedades brancas (godello, tarrantés, loureiro e treixadura) e tintas (mencía e sousón).