O goberno de Luis López xestionou no seu primeiro ano de mandato á fronte da Deputación proxectos europeos que mobilizaron preto de 30 millóns de euros na provincia

Os fondos comunitarios están a permitir avanzar na innovación e axenda dixital, con actuacións de modernización, eficiencia enerxética, apoio ao comercio e á hostalaría, medio natural, mobilidade sostible ou, entre outras, xuventude

04/07/2024

O goberno de Luis López xestionou no seu primeiro ano de mandato á fronte da Deputación de Pontevedra proxectos europeos que mobilizaron preto de 30 millóns de euros na provincia. Con estes fondos comunitarios, que se xestionan desde a área de Fondos Europeos, Innovación e Axenda Dixital que lidera a deputada provincial Belén Cachafeiro, estase a avanzar en áreas relacionados coa modernización, a eficiencia enerxética, o apoio ao comercio e á hostalaría, o medio natural, a mobilidade sostible ou, entre outras, a xuventude que están a supoñer un grande pulo para os concellos, especialmente os máis pequenos.

En concreto, con estes fondos estanse a realizar actuacións en estradas provinciais, como a EP-0405 A Xesteira-Almofrei en Cerdedo-Cotobade, ou a EP- 3102 ao CEP Pedro Caselle, en Tomiño, entre outras. Pero tamén a mellorar a eficiencia enerxética nos concellos, como é o caso dos proxectos de iluminación sostible, instalacións fotovoltaicas, aerotermia, xeotermia ou biomasa; a mellora do tecido comercial como é o caso de “Da túa man” ou para transformalos e modernizalos, dotándoos de ferramentas para mellorar a comunicación coa cidadanía e ofrecerlles mellores servizos.

Ademais, ao longo destes meses téñense captado outros preto de tres millóns para 7 proxectos de diferentes convocatorias de fondos procedentes da Unión Europea centrados na transformación dixital, o turismo, a cultura, o medio natural, o emprego ou a cooperación transfronteiriza. E a área de Fondos Europeos está a traballar noutros 11 proxectos ao longo deste primeiro mandato que están pendentes de resolución e implicarán a captación doutros máis de 17,6 millóns de euros de fondos europeos e noutros sete que están en vías de preparación ou valoración.

No marco desta área tamén se lanzou neste primeiro ano de goberno de Luis López o proceso de elaboración da Axenda Urbana da Provincia de Pontevedra, no que participaron concellos e entidades de diferente índole do conxunto de todas as comarca, co obxectivo de construír unha estratexia compartida para configurar unha provincia que preste atención ao desenvolvemento do medio rural e urbano, máis sostible, resiliente, inclusiva e segura e adaptada aos retos e desafíos do futuro.

Na liña municipalista do goberno de Luis López apostouse ademais no marco desta área por promover iniciativas innovadoras centradas en beneficiar aos concellos, modernizar o seu funcionamento e impulsar a transparencia. Neste eido renovouse a prestación do servizo de padrón municipal para os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia que beneficia a preto de 40 municipios. Tamén se impulsou o servizo de Administración Electrónica nos concellos e o de vixilancia dixital en materia de ciberseguridade naqueles con poboación inferior a 20.000 habitantes. E licitáronse e executáronse proxectos transformadores para os concellos como a plataforma de comunicación cidadá, o portal de transparencia, a plataforma de videoactas e de retransmisión de plenos, a plataforma de axendas municipais para xestión, a integración coa carpeta cidadá, así como dotáronse aos municipios de ata 640 equipos informáticos para renovar os postos de traballo. Ademais, púxose a disposición a app “Meu concello”, que xa está a mellorar a comunicación entre 28 concellos da provincia e os seus cidadáns.

Ademais, están en marcha novas iniciativas neste ámbito entre as que destacan a posta en marcha dunha oficina de asistencia tecnolóxica dotada de distintos perfís profesionais para os concellos, o lanzamento do servizo de evolución e xestión de SmartPeme + e a Oficina Acelera Peme Rural para a dixitalización dos negocios da provincia e a mellora da súa competitividade. Igualmente estase a incentivar a participación en convocatorias de axudas centralizadas da Comisión Europea e a traballar para que a Deputación de Pontevedra sexa punto de información da Rede Europe Directo co obxectivo de achegar Europa á cidadanía da provincia.