A Deputación supervisa en Meaño os traballos de conservación de firme na parroquia de Padrenda
A deputada de Infraestruturas, Isabel Couselo, visitou esta actuación ao abeiro do acordo marco de obras de conservación de firmes na rede viaria da institución provincial e que xunto coas que se iniciarán proximamente na estrada provincial entre Sanxenxo e Meaño ascenden a preto de 90.000 euros
07/11/2024
A deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación da Deputación de Pontevedra, Isabel Couselo, supervisou este xoves en Meaño as obras que a institución está a acometer na estrada provincial EP-9305 Coirón-Ribadumia-Leiro ao seu paso pola aldea da Bouza, na parroquia de Padrenda. Estes traballos están incluídos no lote 3 do acordo marco de obras de conservación de firmes na rede viaria da institución provincial e xunto coa intervención que se iniciará proximamente na estrada provincial entre Sanxenxo e Meaño ascenden a preto de 90.000 euros.
Isabel Couselo sinalou que a actuación que se está a executar nesta infraestrutura de titularidade provincial consiste na reposición da capa de rodadura ao longo de 500 metros (entre os PK 2+500 e 3+000), actuando nuns 3.500 m2, con aglomerado en quente (AC 16 Surf 50/70 S). Os traballos teñen un investimento de 50.000 euros e, como todos os derivados do acordo marco, consisten en operacións ordinarias e localizadas de conservación que permiten corrixir o estado do pavimento das estradas provinciais con degradacións, tales como pavimentos escorregadizos, deformados ou con fisuras.
A deputada provincial informou de que esta é só unha das actuacións que a Deputación de Pontevedra está a executar ou ten previsto executar nas vías provinciais que transcorren por Meaño. Deste xeito, contémplanse varias actuacións na EP-9205 Sanxenxo-Meaño, unha dentro do acordo marco de conservación de firmes (que está previsto que comece nas próximas semanas) e outra no de dotación de cunetas de seguridade. Tamén se actuará no tramo final da EP-9207 Vichona-Dena dentro do acordo marco de cunetas.