Luis López destaca a acollida de escaparates de excepción como Castes para consolidar ás Rías Baixas como un destino desestacionalizado e ligado ao enoturismo

O presidente participa na celebración da sétima edición da Feira Independente do Viño que se celebra en Vilagarcía do 22 ao 24 de novembro

23/10/2024

Luis López

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, sinala como un escaparate excepcional a acollida de eventos como Castes, a Feira Independente do Viño de Vilagarcía, na provincia pola súa contribución á desestacionalización do turismo nas Rías Baixas, a consolidación da provincia como un destino ligado ao enoturismo ou na captación de novos fluxos turísticos. "O crecemento ano tras ano de Castes é o crecemento ano tras ano da nosa provincia como un destino turístico ligado á viticultura e ao enoturismo", afirmou o mandatario provincial na presentación, no Concello de Vilagarcía, da sétima edición de Castes.

Esta Feita Independente do Viño celebra entre os días 22 e 24 de novembro en Vilagarcía. Tres días dedicados ao viño cun programa que inclúe, ademais das xa tradicionais feira e campionatos de cata, un novidoso festival de música encabezado por un artista de relevancia nacional como Depedro así como un foro nocturno para afondar na cultura do viño e a súa relación coas Rías Baixas. "Sete edicións cumpre xa Castes, un evento moi agardado nesta provincia e unha parada obrigada no calendario nacional e internacional", subliñou o dirixente, que definiu a Vilagarcía e ao Salnés como "a comarca por excelencia do viño Rías Baixas e desde a que exportamos un dos nosos sinais de identidade".

Neste sentido, Luis López fixo fincapé no obxectivo compartido entre Castes e a Deputación de divulgar fóra do territorio provincial a riqueza vitivinícola das Rías Baixas participando en foros, congresos e encontros especializados como ao que asistiu o presidente a pasada semana en Málaga, que serviu para dar a coñecer o destino, establecer liñas de colaboración entre os operadores das dúas provincias e atraer visitantes ás Rías Baixas ao longo de todo o ano.

Celebrar nas Rías Baixas unha feira como Castes sirve ademais para dinamizar a actividade económica da comarca, contribúe a desestacionalizar o turismo e tende pontes entre produtores e consumidores ao tempo que promociona o produto autóctono descubrindo as elaboracións que se realizan noutros territorios. En suma, "nos consolida como a provincia do viño", afirmou López, quen puxo en valor a calidade da denominación de orixe Rías Baixas. "Mercar unha botella de albariño non é menos que  facerse cunha de Burdeos, brindar cun espumoso das Rías Baixas trae a mesma boa sorte que facelo con cava ou champán e unha cata de viños nun pazo do Salnés non envexa en nada a un viñedo da Toscana", reivindicou o presidente recalcando a importancia da colaboración entre a Deputación e o sector.

Para rematar, o presidente da Deputación convidou a todos os amantes do viño a achegarse o vindeiro mes á Vilagarcía para desfrutar da Feira Indepedente do Viño de Castes e vivir "unha experiencia 100 % Rías Baixas".

Galerias de imaxes