A senda peonil na estrada de Toiriz en Vila de Cruces garante o acceso seguro aos equipamentos públicos
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o alcalde Luís Taboada percorreron a nova infraestrutura que transcorre pola EP-6306 na entrada á vila e na que se investiron 167.585€
16/02/2023
A estrada provincial EP-6306 loce xa unha renovada senda peonil que garante o acceso seguro a pé aos principais equipamentos públicos en Vila de Cruces. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o alcalde Luís Taboada fixeron un percorrido pola nova infraestrutura na estrada de Toiriz na que se investiron 167.585 euros e que ofrece un itinerario continuo, accesible e seguro, centrado nas persoas, dende o centro da vila ao IES Marcos do Camballón, o centro de saúde, o tanatorio, o cemiterio e o campo de fútbol.
Esta nova senda de 300 metros de lonxitude trátase dunha resposta a unha necesidade histórica da veciñanza de Vila de Cruces, que ata a súa renovación tiñan que desprazarse camiñando sobre a propia calzada da estrada provincial. Coa actuación acometida, financiada a través dun convenio polo que a Deputación achegou o 80% (145.626 euros) e o Concello o 20% restante (36.407 euros), a veciñanza do concello vén de gañar en seguridade á hora de acceder a equipamentos públicos nos que se concentra un importante volume de persoas.
A nova senda peonil, de 2,5 metros de ancho, está situada no marxe dereito da estrada (sentido de saída de Cruces), coincidindo co IES Marcos do Camballón. Está executada en formigón coloreado de 15 cm de grosor, reforzado ata 20 cm na zona apegada ao aparcamento do instituto para evitar afundimentos ao paso dos vehículos. Para poder alcanzar o estándar de 2,5 metros de senda peonil, en cumprimento da normativa da Deputación, foi necesario ampliar a plataforma da estrada provincial en medio metro. Ademais a calzada foi fresada e demoléronse bordos e obstáculos.
A actuación contemplou tamén a instalación de dous pasos de peóns elevados e tres redutores físicos de velocidade. Colocouse nova sinalización vertical con limitación da velocidade de circulación a 30 Km/h. En canto á sinalización horizontal, marcouse o espazo peonil, que tamén quedou delimitado cunha pequena canle lonxitudinal para reforzar a recollida das augas. Ademais, a rede de telefonía aérea e a rede de sumidoiros foron soterradas.