Luis López aposta pola colaboración entre a Deputación e os concellos da área de Vigo para acadar os obxectivos da Axenda Urbana Europea

O presidente provincial inaugurou este xoves a segunda mesa de traballo sobre a Axenda Rural e Urbana da Provincia, na que participaron alcaldesas, alcaldes, concelleiras, concelleiros, persoal técnico e representantes do tecido asociativo da comarca de Vigo

06/03/2024

O presidente provincial inaugurou a segunda mesa de traballo sobre a Axenda Rural e Urbana da Provincia

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presentou este mércores a estratexia do executivo provincial para transformar a provincia de acordo cos criterios de sostibilidade económica, social e medioambiental que rexen a Axenda Europea 2030 e tamén a Axenda Rural e Urbana da Provincia de Pontevedra. Unha folla de ruta da que falou o mandatario provincial a rexedoras, rexedores, concelleiras e concelleiros da área de Vigo, persoal técnico e profesional da Administración local e representantes do tecido asociativo desta comarca na segunda mesa traballo que está a desenvolver a Deputación por toda a provincia, neste caso na sede de Vigo. Trátase dunha xuntanza para traballar nun proxecto conxunto de futuro e construír unha provincia sensible co cambio climático, que coida da súa veciñanza e que ofrece servizos de calidade en todo o seu territorio, explicou Luis López, acompañado pola deputada de Fondos Europeos, María Ramallo, a meta deste proxecto.

Unha estratexia que pasa pola colaboración institucional e a cooperación entre administracións para acadar os obxectivos. Por iso, Luis López aproveitou a realización deste acto para reiterar o compromiso da Deputación coa principal cidade de Galicia; un compromiso que se reflicte na renovación dos convenios subscritos anteriormente e que se reforza con novos investimentos e iniciativas, coma os 2,5 millóns de euros orzamentados para a construción da Grada de Gol de Balaídos, o apoio á candidatura para ser sede do Mundial de fútbol do ano 2030 ou a intención de reabrir o Cine Fraga. "O modelo desta Deputación é o de tender pontes. Farémolo nos 61 concellos da provincia e, desde logo, tamén en Vigo", afirmou Luis López

Ao longo de toda a mañá, as e os asistentes traballaron nun plan que recolle os desafíos e as oportunidades de futuro que debe afrontar a provincia. Deste xeito, participaron en tres dinámicas de traballo dirixidas a pensar e poñer en común iniciativas relacionadas co desenvolvemento sostible nestas comarcas; unha xornada de traballo que ao longo das vindeiras semanas se levará a cabo no resto das comarcas da provincia de Pontevedra.

Os criterios desta axenda rural e urbana rexen a acción de goberno da Deputación. O presidente Luis López deu conta das iniciativas levadas a cabo polo seu Goberno neste contexto, que pasan pola activación do emprego, o apoio ás entidades locais para redactar e executar proxectos transformadores e mellorar os servizos ou o traballo conxunto con outras administracións para renovar os espazos públicos. Así mesmo, tamén fixo fincapé na importancia de fomentar o emprego e recordou que, no que vai de ano, a Deputación mobilizou 6,2 millóns de euros para contratar 500 persoas en corenta municipios. Ademais, en materia de investimentos, estanse a asignar os fondos da liña 1 do +Provincia, dotada con 34 millóns de euros; e do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas, dotado con 4 millóns de euros, para executar proxectos transformadores. E, en materia de sostibilidade, o presidente recordou tamén a colaboración coa FEMP para avanzar no deseño de cidades saudables.

Neste sentido, Luis López quixo destacar dúas áreas fundamentais desta axenda rural e urbana ás que a Deputación lles presta especial atención: o reto demográfico e o impulso a proxectos transformadores. Puxo en valor que o Goberno provincial ten en conta por primeira vez o reto demográfico para un repartimento de fondos máis xusto que permita dar con solucións que palíen esa perda de poboación que lle afecta ao noso rural e tamén a creación dunha cuarta liña no +Provincia, dotada con 1,2 millóns de euros, que permita executar proxectos que sigan eses criterios que marca a Axenda 2030.

O presidente provincial rematou a súa intervención agradecendo a presenza de todas as persoas asistentes a esta segunda mesa de traballo e animounas a seguir traballando para construír unha provincia que vai a máis.

Galerias de imaxes