Negocios e hostalería, obrigados por lei a separar os seus biorresiduos dende mañá 30 de xuño e sen excepcións

O vicepresidente da Deputación César Mosquera deu a coñecer hoxe a campaña informativa do Revitaliza sobre a nova normativa de residuos, un texto que supón “unha verdadeira revolución”

29/06/2022

Mosquera

Dende mañá 30 de xuño é obrigatorio por lei e sen excepcións que calquera tipo de negocio, especialmente hostalería e produtores singulares, separen os residuos orgánicos - restos de comida e vexetais- que producen como consecuencia da súa actividade. Así o informou hoxe o vicepresidente da Deputación César Mosquera, quen anunciou que a institución provincial realizará unha campaña divulgativa para dar a coñecer todas as novas obrigas da lei 7/2022 que, ao seu entender, supoñen “unha auténtica e verdadeira revolución” na organización, xestión e tratamento dos residuos.

Segundo Mosquera hai catro cuestións xerais e novidosas que marca a nova lei e que “é preciso que se asuman canto antes”. A primeira é que toda institución, negocio, comercio ou industria que xere residuos pasa a ser responsable deles e debe acreditar documentalmente a súa correcta xestión. É dicir, que os produtores singulares, teñan ou non facilidades para tratar os seus residuos por parte dos concellos, deben encargarse eles mesmos de cumprir coas obrigas de separación e responder ante posibles inspeccións.

A segunda das novidades é que a lei prohibe expresamente que todo aquel residuo que se poida aproveitar ou reutilizar vaia a un vertedoiro ou a incinerar. Como terceiro punto está a prohibición das queimas agrarias, xa que os residuos silvícolas débense achegar como material para a terra, a compostaxe, ou a xeración de biogás.

Finalmente, o cuarto punto salientable e de consecuencias máis inmediatas é que mañá 30 de xuño de 2022 pasará a ser obrigatorio para todo tipo de negocios, comercios e industrias a separación tanto dos biorresiduos como dos aceites usados sen excepcións. A a nova lei recolle a obriga de que Xunta e concellos realicen inspeccións e sancionen con elevadas multas. “As sancións pode que non sexan rápidas, pero están aí e poden supoñer ‘puros’ monumentais”, afirmou Mosquera.

O vicepresidente tamén quixo aclarar que o requirimento a negocios e hostalería non está relacionado co tamaño e poboación dos concellos: “non hai excepcións nin máis prazo para os xeradores singulares, teñen que separar xa os biorresiduos porque xa se incumpriu o prazo de 2020”, insistiu.

No caso dos domicilios, Mosquera salientou que a cidadanía tamén ten a obriga de separar nos concellos que xa dispoñan dun sistema de recollida ou separación de biorresiduos como o que marca a normativa: xa ben composteiros individuais, comunitarios ou colectores marróns. “Non podemos esixir a unha persoa que separe na súa casa se despois non ten onde depositar as fraccións que separou”, subliñou.

En calquera caso, o nacionalista salientou que a nova lei establece que mañá tamén é a data límite para que os municipios de máis de 5.000 habitantes recollan de maneira separada as fraccións actuais e tamén -e sobre todo- a fracción orgánica domiciliaria. Neste sentido instou ás institucións  locais a dar un salto adiante e a poñerse ao día, xa que a meirande parte dos municipios da provincia están moi lonxe de cumprir.

“Temos que cambiar o chip e deixar o que estamos a facer cos residuos. Hai que separar, non podemos coller todos os residuos e metelos nun lote porque iso crea grandes problemas dos que a xente non é consciente: non é un modelo sostible no tempo”, afirmou.

No caso da provincia de Pontevedra, Mosquera explicou que nos Concellos Revitaliza nos que está despregado o sistema baseado na compostaxe (Vilaboa, Mondariz, Mondariz Balneario, As Neves, O Grove, Tomiño, Valga e a Illa de Arousa), este ano poderase cumprir a normativa porque teñen moito traballo avanzado e a cidadanía está a “respostar moi ben”. 

O resto de municipios deberán avanzar “a bo ritmo” para poder reconverter a situación aínda estando fóra de prazo. A Deputación, subliñou o nacionalista, tenderá a man a todos os que queiran “en serio” cumprir os obxectivos de reciclaxe e o resto da lei: haberá asistencia técnica provincial, axudas económicas e subvencións e incluso crearase un corpo provincial de inspección.

Para que todas as novidades da nova normativa cheguen á cidadanía, concellos e negocios a Deputación vén de poñer en marcha unha campaña divulgativa e de comunicación en radio, prensa, redes sociais, mobiliario urbano (mupis) e transporte público na que se explica a obrigatoriedade da separación dos biorresiduos. “Imos bastante tarde para cumprir. A campaña é unha necesidade”, finalizou o vicepresidente.

Ligazóns de interese

videos

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 15 resultados.