A Deputación e a Editorial Guiverny avanzan na I edición do Premio de Novela Histórica Dona Urraca
A vicepresidenta primeira, Marta Fernández-Tapias, mantivo un encontro en Vigo coa directora da editorial, Belén Fortes, no que abordaron a situación e os prazos da convocatoria deste galardón, único en Galicia neste xénero
04/09/2023
A vicepresidenta primeira da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias, mantivo un encontro coa directora da Editorial Guiverny, Belén Fortes, como toma de contacto de cara aos avances da primeira edición do Premio de Novela Histórica Dona Urraca, que ambas entidades puxeron en marcha este ano converténdose no único galardón literario deste xénero en toda Galicia. No encontro, que tivo lugar na sede provincial en Vigo e á que asistiu tamén o xefe de proxectos da editorial, Xosé Darriba, abordouse a situación da convocatoria e os prazos da convocatoria, cuxo gañador recibirá 6.000 € e verá editada a súa novela.
Trala convocatoria do premio en febreiro, o pasado 1 de xullo finalizou o prazo de presentación para optar ao galardón. O xurado está avaliando nestes momentos as propostas presentadas e a previsión é que no mes de novembro se reúna para emitir o seu fallo. O xurado do I Premio de Novela Histórica Dona Urraca está composto pola escritora Teresa Moure como presidenta, polo escritor Xosé Ramón Pena en calidade de secretario e, como vogais, as escritoras Belén Fortes, Inma López Silva e Arantza Portabales, así como a traballadora do servizo de Cultura da Deputación Begoña Fernández.
Ademais da calidade da obra, o xurado valorará a visibilización do papel das mulleres na historia e a ambientación de toda ou parte da trama na provincia de Pontevedra. O seu fallo será inapelable e o premio poderá quedar deserto ou ser concedido ex aequo. Ademais do premio en metálico e a edición da novela, a persoa gañadora recibirá un lote de 20 exemplares.