Luis López confirma que a Deputación vai investir 520.000 euros na reposición do firme na estrada provincial EP-6101 Bidueiros – Amedo, no concello de Dozón

O presidente detallou que os traballos desenvolveranse nun tramo de algo máis de 750 metros da estrada, nos que se repoñerá ademais a sinalización horizontal e vertical

04/10/2024

Conferencia de prensa de Luis López

A Deputación de Pontevedra deu luz verde ao proxecto para a reposición de firme na EP-6101 Bidueiros-Amedo, en Dozón, que conta cun orzamento total de 520.000 euros. "Impórtanos a seguridade das nosas veciñas e veciños e gobernamos para mellorar a súa calidade de vida –explicou o presidente provincial Luis López- e, para facelo, é prioritario ter as estradas provinciais, que vertebran todo o noso territorio, en perfectas condicións".

En concreto vaise repoñer o firme en algo máis de 750 metros desta estrada provincial, que ten un total de 7.188 metros de lonxitude, que se atopa moi deteriorado. Os traballos consistirán no saneamento e fresado da capa de rodadura para, posteriormente, repoñer a sinalización horizontal e vertical que se atopa dispoñible na actualidade.

Este proxecto de reposición do firme na estrada provincial EP-6101, en Dozón, enmárcase dentro do obxectivo do goberno provincial por seguir avanzando para transformar a rede de estradas provinciais, co fin de alongar a súa vida e garantir a seguridade tanto de peóns como do tráfico rodado.

videos

audios