A Deputación remata a obra de mellora da seguridade viaria na EP-2102 en Nigrán

Os traballos permitiron ampliar o trazado dunha curva que presentaba un risco para a seguridade das persoas usuarias desta estrada

21/06/2023

Mellora da seguridade viaria na EP-2102 en Nigrán

A Deputación de Pontevedra vén de rematar as obras de mellora da seguridade viaria desenvolvidas na EP-2102 Nigrán-Vincios, no Concello de Nigrán, ao abeiro do modelo de mobilidade sostible promovido pola institución. Con elas, actuouse no punto quilométrico 7+100 para ampliar o trazado dunha curva que presentaba un risco para a seguridade das persoas usuarias desta estrada e investiuse un orzamento de 30.000 euros.

En concreto, executouse unha ampliación da plataforma na marxe dereita para posibilitar un trazado do radio de curvatura constante de 23,15 metros, mediante a construción dun muro de contención de cachotería e o recheo do trasdós que sostiña a zona de actuación, así como a instalación dunha barreira metálica de seguridade para a contención de vehículos. Executouse o correspondente paquete de firme, renovouse a capa de rodadura en toda a superficie da curva e tamén se ampliou a rede de drenaxe transversal, amais de renovarse a sinalización horizontal e vertical.

Galerias de imaxes