A Deputación destina 280.000 euros para o fomento da empregabilidade nos concellos de Rodeiro e Vilanova de Arousa

Estes novos recursos permitirán contratar de maneira temporal un total de 22 persoas para cubrir diferentes necesidades de ambas as dúas administracións locais

01/09/2023

Recursos para os concellos de Rodeiro e Vilanova

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou novos recursos para a activación do emprego na provincia, concretamente nos concellos de Rodeiro e Vilanova de Arousa, aos que destinará preto de 280.000 euros para a contratación dun total de 22 persoas. “O emprego é un dos nosos obxectivos prioritarios, e queremos que a cidadanía da provincia, viva onde viva, teña oportunidades”, asegurou o presidente da Deputación, Luis López.

Desta maneira, o Concello de Rodeiro recibe algo máis de 120.000 euros para poder proceder á contratación temporal de 12 persoas para desempeñar diferentes postos, coma educadoras ou educadores sociais, peóns de obras públicas, traballadoras ou traballadores sociais, técnicas ou técnicos de educación infantil etc., con contratos dunha  duración de entre 6 e 11 meses.

Por outra banda, no caso do Concello de Vilanova de Arousa o orzamento destinado é próximo aos 160.000 euros, o que lle permitirá á corporación municipal formalizar a contratación de 10 persoas entre chofer-tractorista, albaneis, persoal de limpeza, mantedores de edificios, fontaneiras ou fontaneiros e guías de turismo. Mentres que algúns dos contratos serán de seis meses, o resto terán unha duración de 10.