A Deputación reabre este martes as Ruínas de San Domingos tras rematar intervención para a retirada de plantas das ábsidas

Os traballos, que comezaron o pasado luns, consistiron tamén na eliminación da sucidade superficial do recinto e, trala retirada das plantas, colocouse morteiro

14/07/2024

A Deputación de Pontevedra volverá abrir as Ruínas de San Domingos este martes, 16 de xullo, no seu horario habitual (10:00 a 14:00 polas mañás de martes a domingos e de 16:00 a 19:30 horas de martes a sábados) tras rematar a actuación de retirada de plantas das ábsidas das Ruínas de San Domingos. Os traballos, que comezaron o pasado luns, permitiron erradicar as plantas superiores que se atopaban no recinto e supuñan un risco para a integridade do ben. A actuación completouse coa eliminación da sucidade superficial do recinto e coa colocación de morteiro naqueles lugares nos que se retiraron os elementos vexetais.

En liñas xerais as plantas das ábsidas, repisas de cimacios e arranques de bóvedas elimináronse realizando tesoiras de poda, escalpelos, bisturís e paos de hisopo de diferente groso, acentuando o coidado nas zonas máis sensibles como arestas vivas ou desprazamentos, co fin de extraer as raíces e terra das xuntas.

Ademais, trala retirada das plantas, tapáronse os ocos e seláronse as xuntas nas que estaban asentadas con morteiro de cal hidráulica entoada con pigmentos inorgánicos. Tamén se aproveitou a intervención para eliminar a sucidade superficial, con limpeza en seco.