Os consorcios provinciais contraincendios propoñen unha mellora das condicións dos bombeiros coa equiparación salarial en toda a comunidade

Nun encontro entre representantes da Xunta, das catro deputacións provinciais e dos sindicatos, trasladóuselles unha proposta que inclúe un incremento do salario do 10 %, unha redución da xornada a 1.642 horas anuais, o aumento de efectivos nos 24 parques comarcais e dúas xornadas adicionais de asuntos propios

05/12/2023

Os consorcios provinciais contraincendios e de salvamento mantiveron hoxe unha reunión na que se lles presentou aos sindicatos dos bombeiros comarcais unha nova proposta coa intención de chegar a un acordo e que se desconvoque a folga dos últimos meses.

No encontro, ao que asistiron representantes da Xunta, das catro deputacións provinciais e dos sindicatos, os consorcios trasladáronlles unha oferta que supón unha mellora considerable das súas condicións coa equiparación salarial nas catro provinciais e un incremento do salario en arredor do 10 %. Ademais, contempla unha redución da xornada a 1.642 horas anuais, o aumento de efectivos nos 24 parques comarcais da comunidade e a concesión de dúas xornadas de 24 horas para asuntos particulares que equivalen a seis días de asuntos propios.

Os representantes sindicais comprometéronse a estudar a proposta e ambas as partes acordaron manter esta vía de diálogo, con novas reunións en próximas datas, coa finalidade de pechar un acordo.