Luis López adianta que o primeiro Plan estratéxico da xuventude incluirá axudas para renovar locais da mocidade e actividades no rural
Preséntase como o eixe de acción das políticas públicas centradas na mocidade que desenvolverá o Goberno provincial nos próximos anos. Luis López: “É un plan que se basea en tender pontes e na escoita activa de todos os sectores implicados”
22/03/2024
A Deputación de Pontevedra está a avanzar na posta en marcha do I Plan estratéxico provincial da xuventude, o eixe de acción das políticas públicas centradas na mocidade que desenvolverá a institución provincial nos vindeiros anos. Así o anunciou o presidente provincial, Luis López, en conferencia de prensa, ao tempo que lembrou que é un plan que se basea, “como ten costume este Goberno, en tender pontes e na escoita activa de todos os sectores implicados: os concellos, a Xunta de Galicia, a mocidade, as asociacións xuvenís e, internamente, os servizos da Deputación”.
Ademais, o presidente provincial deu a coñecer as convocatorias impulsadas pola Deputación cara a mocidade, así como a intención do Goberno provincial de constituír o Consello Provincial de Xuventude. Desta maneira, o novo Servizo de Xuventude da Deputación ten en marcha numerosas iniciativas dirixidas á mocidade da provincia, coma +Xuventude, os “Campamentos A Lanzada”, os Premios Provinciais á Xuventude ou o Ciclo de conferencias Aida Fernández Ríos. Tamén está previsto que nos próximos días se publique a nova liña de axudas “O teu espazo xuvenil”, que, cun orzamento de 100.000 euros, van dirixidas a dotar os locais xuvenís dos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia.
Ademais, estase a tramitar o programa “Vive o rural”, unha liña de axudas dotada con 30.000 euros para financiar actividades medioambientais promovidas por ANPAS e centros educativos públicos en granxas escolas da provincia. O servizo ten en marcha o redeseño dun apartado propio na web da Deputación para darlle resposta á xuventude e ao persoal técnico dos concellos, con información relativa a programas, axudas e espazos destinados á xuventude na provincia, dando a coñecer desde as accións lideradas pola Deputación ata axudas, infraestruturas ou actividades para a xuventude que promoven os concellos ou a Xunta de Galicia.
Luis López tamén anunciou que está prevista a organización dun encontro provincial de xuventude e de mesas de traballo e xornadas técnicas de formación cos concellos, tras detectar na primeira xuntanza que tivo lugar no Edificio Administrativo unha demanda de formación e cooperación para poñer en común experiencias e propostas. “Estamos avanzando a pasos axigantados no compromiso que adquirimos ao comezo deste mandato coa xuventude, o futuro desta provincia”, asegurou.