O presidente da Deputación, Luis López, asiste á presentación do VIII Torneo EncestaRías ABC de baloncesto

29/08/2023

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, participou na presentación do Torneo EncestaRías, que terá lugar esta fin de semana, os días 2 e 3 de setembro, no Pavillón Municipal de Deportes de Pontevedra.

No torneo enfrontaranse equipos que o próximo ano competirán a nivel europeo: o Monbus Obradoiro (Santiago de Compostela), o Río Breogán (Lugo), o SL Benfica (Lisboa) e o Unicaja (Málaga).

López sinalou que “nesta provincia estamos a vivir días inesquecibles no que se refire ao deporte, co papel clave de Tere Abelleira na consecución do Mundial Feminino de Fútbol ou a armada pontevedresa nos mundiais de piragüismo, con Antía Jácome ou Teresa Portela levando a nosa bandeira por todo o mundo”, e que se completan co inminente tríatlon ou a oitava edición de EncestaRías.

O presidente asegurou que “desde a Deputación imos intensificar e tomarlle o pulso ao deporte para seguir gozando del na provincia e axudando a todos os eventos e clubs”, e agradeceu a organización do EncestaRías por “darnos a oportunidade de poder gozar deste cartel de luxo de xogadores tan preto da casa”.

Galerias de imaxes