A Deputación presenta este venres o seu segundo libro de banda deseñada para achegar a memoria histórica á xente moza

A nova obra, titulada ‘As 9 cruces’, é unha novela gráfica sobre a historia da Volta dos 9 de Baredo en Baiona

10/10/2022

as 9 cruces

A Deputación, a través do seu departamento de Memoria Histórica, presenta este venres 14 o seu segundo libro de banda deseñada para achegar á xente moza o relato dos feitos acontecidos durante os anos da ditadura e a represión e as súas consecuencias na provincia.

A nova obra, titulada ‘as 9 cruces’, conta a historia do acontecido un día como o 15 de outubro do 36 cando un cabo da Garda Civil e un grupo de falanxistas fusilaron a sete mariñeiros, un labrego e un ferreiro, grandes defensores da República e aogra símbolos da resistencia, nun dos lugares máis fermosos da costa galega, a curva de Baredo, coñecida dende entón como a Volta dos Nove.

Os feitos están narrados na banda deseñada a modo de novela gráfica, coordinada unha vez máis polo debuxante Kiko Da Silva, co guión de Fernando Llor e os debuxos de Fonso Barreiro, Zaida Novoa, Pablo Prado, Damián Gómez Figueiras, Andrés Chinchilla, Antonio Recuna, Miguel Rojo, Mara Méndez, Daniel Corrada, Jorge Fernández, Álex Rozazos e Miriam Iglesias.

No acto de presentación, organizado co gallo do aniversario da matanza, estarán tanto o coordinador como parte das e dos autores será no Multiusos de Sabarís (Baiona) ás 19 horas do venres. Participarán tamén a deputada de Memoria María Ortega, integrantes do Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) e a cantautora Sheila Patricia, que porá a nota musical dende a perspectiva da memoria histórica.

A entrada é aberta ao público –de balde-, e cada asistente poderá levar para a casa como agasallo o primeiro capítulo da obra, que se irá facendo público por entregas semanais ata final de ano na web da Deputación (no apartado de Memoria Histórica), cando se editará o exemplar completo coa historia da Volta dos 9.

O libro será distribuído entre os institutos de educación secundaria da provincia e tamén nas bibliotecas e puntos de lectura municipais. Ademais, a xente interesada poderá solicitalo nas instalacións do departamento de Memoria Histórica da Deputación situado nas dependencias do Arquivo Provincial ata esgotar existencias.

Ao igual que ‘Regreso á Illa de San Simón’ –o primeiro exemplar da colección de BD- ‘As 9 cruces’ pretende aproveitar un formato atractivo como é a banda deseñada para chegar a un público que normalmente non ten moita relación coa memoria, e que non participa en actos como congresos, encontros ou charlas.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 8 resultados.