Luis López enxalza a figura de José Crespo como referente do municipalismo e como nome propio da transformación colectiva vivida en Lalín nos últimos trinta anos

O presidente provincial vén de participar na presentación do libro “O municipalismo no cambio de milenio, Lalín 1990-2024” escrito polo rexedor lalinense

16/12/2024

Presentación do libro O municipalismo no cambio de milenio, Lalín 1990-2024

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, enxalzou a figura do alcalde de Lalín, José Crespo, como referente dunha política próxima ao cidadán, cumpridora coas competencias, compromisos e deberes e na que “a palabra é a moeda máis valiosa”. Fíxoo este luns no Edificio Sociocultural da capital do Deza durante a presentación do libro “O municipalismo no cambio de milenio, Lalín 1990-2024” que mostra como Crespo e o Lalín dos últimos trinta anos son “dúas realidades inseparables”.

“Aprendín que o político tiña que ter coidado con algúns ‘ismos’: extremismo, radicalismo, separatismo... Pero que había algúns que merecía pena adoptar. Aquí vemos un, o que máis me identifica: o municipalismo. É un “ismo” que non separa, que non divide, que non se afasta. Ao contrario, une e se aproxima ao cidadán. O municipalismo é un pensamento que non acapara o poder. Ao revés, entrégao á xente de a pé para mellorar a porta da súa finca ou a praza da súa aldea. Nel cabe todo o mundo. Tamén é o máis esixente, por ser o máis cercano”, subliñou o mandatario provincial nun acto no que, ademais do alcalde José Crespo, tamén estiveron presentes o presidente do Parlamento Galego, Miguel Santalices, conselleiro de Presidencia da Xunta, Diego Calvo; o conselleiro de Educación, Román Rodríguez e a tenente de alcalde de Lalín, Paz Pérez Asorey.

Neste sentido, Luis López destacou a influencia e aprendizaxes que tivo Crespo na súa traxectoria política. “Primeiro díxome que a casa do político era a rúa. Logo que para pensar en grande primeiro había que arranxar o pequeno. E que a palabra era a moeda máis valiosa do político, que se a desperdiciabamos empeñándoa en cousas que non valían a pena, era unha riqueza que custa moito recuperar. Dicíame todo iso pero non palabras, senón co seu exemplo, e co enorme aval que lle deu o pobo de Lalín”, recoñeceu o presidente da Deputación, despois de poñer en valor a pegada da era de Jose Crespo como alcalde de Lalín.

“Sen xente como Pepe, e sen os lalinenses de onte e de hoxe, esta vila que considero como a miña casa sería ben peor. O Lalín 2000 coa súa industria téxtil, a estación de autobuses, a autoestrada, o crecemento urbano, a explosión da industria agrolimentaria, o Lalín Arena, o cocido ou o orgullo de ser de aquí. Todo vén da súa man”, enumerou López.

Finalmente, o presidente provincial convidou a todos os presentes e a todas as persoas interesadas na política local e na historia contemporánea de Lalín e a comarca do Deza a ler o libro. Unha obra na que se “valora moito o esforzo de falar de Lalín sen poñer o nome de José Crespo Iglesias en cada unha das súas páxinas. Crespo e o Lalín dos últimos trinta anos son dous nomes inseparables”, concluíu Luis López.

Galerias de imaxes