A Deputación presenta este sábado o libro-disco do proxecto de Memoria Histórica “Acorda” coa actuación de Uxía e Sheila Patricia
A publicación recolle o documental sobre a ‘cartografía musical da memoria histórica na provincia’, imaxes do ‘como se fixo’ e textos sobre as localizacións
24/05/2022
A Deputación de Pontevedra presentará este sábado no Pazo Provincial o libro-disco de ‘Acorda’ coa actuación de Uxía e Sheila Patricia. O evento será a culminación do proxecto homónimo do departamento de Memoria Histórica, que pretende dar a coñecer e poñer en valor lugares e feitos de memoria na provincia a través da música.
A nova publicación, baixo o título ‘Acorda. Cartografía Musical da Memoria Histórica de Pontevedra’, inclúe un pendrive coa peza audiovisual baixo a dirección artística a Uxía e Marina Carracedo e outro dispositivo coas cancións interpretadas polas voces diversas e reivindicativas de Emilio Rúa e Silvia Penide, Ugia Pedreira e Marina Oural, Sheila Patricia, Eladio Santos, Tanxugueiras, Ezetaerre e a propia Uxía e Su Garrido. Na parte da edición inclúense textos de Montse Fajardo e Lois Pérez, e fotografías do como se fixo o documental de Alba Díaz.
En ‘Acorda’ preténdese achegar ao público xeral a memoria histórica a través dun formato non habitual: no documental faise un percorrido por diferentes espazos singulares e de importancia para a memoria histórica na provincia de Pontevedra, ben por ser lugares nos que se produciron execucións, de enterro ou relacionados coa República: a antiga ‘Escola Normal’ en Pontevedra; a Ponte Regueiro, en A Estrada; o Pozo da Revolta, en Marín; a praia de Massó en Cangas; a praia de Alcabre (Vigo) ; a Bombardeira ou Volta dos nove (Baredo); a Volta da Moura; e finalmente a Illa de San Simón.
O documental tivo xa a súa preestrea no Teatro Principal de Pontevedra, a súa estrea oficial no Ourense Film Festival -optando ao Premio Xacobeo-, e tamén pasou por ‘Cineuropa’, onde foi considerado parte “da produción galega máis relevante” de 2021.
O acto de presentación do libro-disco será o sábado ás 12 do mediodía no salón de plenos do Pazo Provincial en Pontevedra. Contará coa actuación especial de dúas das artistas que participaron no documental, Uxía e Sheila Patricia, e tamén cos autores do resto do material: a escritora Montse Fajardo, a fotógrafa Alba Díaz e o escritor e guionista Lois Pérez, ademais das intervencións institucionais da presidenta da Deputación Carmela Silva e a deputada de Memoria Histórica María Ortega.
A entrada ao evento, no que se agasallará cun exemplar ao público asistente, é de balde, mais é precisa inscrición previa a través do formulario habilitado na web da Deputación (depo.gal).