A Deputación e a Universidade de Vigo alíanse para poñer en valor o papel da lingua galega no cinema

A sede de Vigo acolleu a presentación do ciclo A Lingua Galega no Cinema impulsado pola universidade co apoio da institución provincial e cuxa primeira parte se celebrará nos meses de abril e maio no auditorio do Edificio Cambón

01/04/2024

Presentación do ciclo A Lingua Galega no Cinema

A sede de Vigo da Deputación de Pontevedra acolleu este luns a presentación do ciclo A Lingua Galega no Cinema, impulsado pola Universidade de Vigo co apoio da institución provincial. Asistiron á presentación a vicepresidenta, Luisa Sánchez, a vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, e o director e crítico cinematográfico Simone Saibene, coordinador da actividade.

A primeira parte deste ciclo desenvolverase durante os meses de abril e maio no auditorio do Edificio Cambón (sede do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia). A actividade comprenderá unha serie de proxeccións e debates sobre a situación do sector audiovisual galego e o valor da lingua galega que comezarán mañá mesmo, martes 2 de abril, ás 19:00 horas. A vicepresidenta, Luisa Sánchez, asegurou que “somos conscientes da importancia que ten o cinema na súa contribución ao desenvolvemento social e económico dun territorio” e destacou que, “para iso, precisamos amosar a nosa identidade propia, a nosa singularidade, o que é imposible de imitar porque é unicamente noso”. Nese sentido, Sánchez asegurou que “o noso idioma ten un papel fundamental e temos que velo como unha oportunidade”.

A vicepresidenta provincial lembrou que a lingua galega “ábrenos ao mundo para que lles tendamos pontes a espectadores de todos os recunchos do planeta, para que se acheguen ás nosas tradicións e a nosa cultura”, pero salientou que o seu uso tamén obedece á necesidade da sociedade galega de “contar a nosa propia historia, e facelo baseándonos nos nosos códigos, con pezas elaboradas por profesionais de aquí e contadas na nosa lingua”.

No ciclo  A Lingua Galega no Cinema, engadiu a vicepresidenta da Deputación, “o público vai poder gozar de grandísimas historias, dunha amalgama moi diversa de autores e de cintas, tanto longas coma curtas, que amosan que o noso cinema e, en xeral, todo o noso sector audiovisual está a pasar polo seu mellor momento tanto de recoñecementos coma de público, cuxo apoio é necesario para que a industria poida sobrevivir”.

Entre as proxeccións que se poden consultar no sitio web (da Universidade de Vigo), Luisa Sánchez puxo o foco na curtametraxe Sandwich Cat, de David Fidalgo, que conseguiu o patrocinio da Deputación. En canto ao conxunto do programa, a vicepresidenta asegurou que participarán “algúns dos maiores expoñentes deste gran momento tanto a nivel creativo, coma de recoñecementos, coma tamén comercial, para que poidamos coñecer un pouco mellor o que estes cineastas nos quixeron contar a través da pantalla”.

documentos

Galerias de imaxes