A vicepresidenta Luisa Sánchez participa na presentación do Campionato de España de Resistencia de Paddle Surf
04/07/2024
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, acaba de participar xunto coa alcaldesa de Marín e tamén deputada provincial, María Ramallo, na presentación da segunda edición do Campionato de España de Resistencia de Paddle Surf, que se celebrará, ao igual que o acto de presentación, na praia de Aguete (Marín) este sábado 6 de xullo co apoio da institución provincial. A vicepresidenta puxo en valor que esta proba “sitúa a provincia no centro dunha disciplina que atrae cada vez máis afeccionados do deporte e do mar, e supón un enorme escaparate para dar visibilidade ao noso territorio”.
Luisa Sánchez trasladou ao Club Imua os parabéns pola organización do campionato salientando o labor realizado polo club durante todo o ano, e en alusión ao significado da palabra hawaiana que dá nome ao club, salientou que “sempre hai que ir cara a adiante e agradecemos que remedes na mesma dirección ca nós, co obxectivo de converter a provincia no maior estadio deportivo do mundo xa que temos todo o que fai falta para ser unha potencia deportiva”.