O deputado de Cultura, Jorge Cubela, participa na presentación da Festa da Sementeira e Música en Salvaterra de Miño
11/04/2024
O deputado de Cultura, Jorge Cubela, participou esta tarde no pazo das Barreiras de Salvaterra de Miño na presentación da décimo sexta edición da Festa da Sementeira e Música. A cita, organizada pola Asociación Cultural Quinta do Piñeiro, é, en palabras do deputado, “un xeito único de espallar as nosas tradicións máis senlleiras e a forma que temos de entender o rural”. Cunha ampla programación musical e diferentes actividades, a Festa da Sementeira convértese cada ano nunha cita interxeracional, na que gozan as persoas maiores e pequenas. “Unha experiencia 100 % Rías Baixas e un festexo clave para a dinamización turística e económica de Salvaterra de Miño e do conxunto da provincia”, asegurou Jorge Cubela.
O responsable provincial de Cultura remarcou o compromiso da Deputación para “apoiar e impulsar celebracións coma esta, que nos axudan a posicionarnos como un destino atractivo para todo tipo de públicos”, e animou as e os amantes da música galega e das tradicións a acudir a Salvaterra de Miño e gozar da Festa da Sementeira os días 11 e 12 de maio.