A Deputación salienta a capacidade “da provincia do deporte” para albergar grandes eventos como LaVuelta mentres atende as necesidades deportivas dos concellos
O presidente provincial, xunto coa deputada Nava Castro, asiste, na cidade deportiva do RC Celta en Mos, á presentación da etapa décimo sexta de LaVuelta que terá lugar o vindeiro 9 de setembro entre Combarro e o Alto do Castro de Herville
22/03/2025
A Deputación de Pontevedra salientou este sábado a capacidade da provincia para albergar eventos deportivos de repercusión internacional como La Vuelta e, ao mesmo tempo, atender ás necesidades locais en materia deportiva a través de plans transformadores como o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, que consolidan á de Pontevedra como “a provincia do deporte”. Unha aposta estratéxica polo deporte plasmada este sábado na cidade deportiva do Real Club Celta de Vigo, en Mos, que contou coa participación da deputada provincial Nava Castor, para presentar a etapa 16 da vindeira edición de La Vuelta, que transcorrerá pola provincia entre as localidades de Poio e Mos. Así, ademais de levar a ronda española ao concello, a Deputación inviste 100.000 euros en Mos para mellorar as instalacións municipais.
O 9 de setembro deste 2025 o pelotón ciclista de La Vuelta volverá atravesar a provincia. Farao por segundo ano consecutivo. Despois da etapa entre Ponteareas e Baiona do ano anterior, este ano a organización elixiu un trazado que partirá desde a emblemática vila mariñeira de Combarro, en Poio; ata o alto do Castro de Herville, en Mos. Un punto de saída inédito na historia de La Vuelta e unha meta que repite despois de ser decisiva para a clasificación xeral na edición do ano 2021. No acto de presentación do percorrido, conducido polo xornalista Terio Carrera; participou a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; o director de La Vuelta, Javier Guillén e os exciclistas galegos Óscar Pereiro e Álvaro Pino.
Volver ser escenario do paso de La Vuelta por esta provincia é unha mostra da estratexia deste goberno da Deputación: consolidar as Rías Baixas como un destino turístico sustentable e respectuoso coa natureza a través da organización de eventos deportivos de interese global. Entre eles, o Gran Camiño ou as finais das World Series de Tríatlon. Neste sentido, púxose en valor o impacto mediático dunha proba que amosará a espectadores de todo o mundo a beleza natural dun destino sustentable e ligado ao deporte como son as Rías Baixas
Durante o acto tamén se puxo de relevo a convivencia na provincia de Pontevedra de dúas entidades da maior elite deportiva. Por un lado, a presentación de La Vuelta e, por outro, as instalacións da cidade deportiva de Afouteza pertencentes ao RC Celta de Vigo, sinalou para agradecer á presidenta Marián Mouriño a cesión deste espazo para presentar o evento.
Despois de expresar a satisfacción por acoller por segundo ano consecutivo unha etapa de LaVuelta e reafirmar a aposta da Deputación para consolidarse como “a provincia do deporte”, Luis Lopez convidou a todo o mundo a achegarse a Combarro e Mos o vindeiro 9 de setembro.