Os Premios Sofía Novoa reivindican a importancia de introducir a perspectiva de xénero na investigación
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, entregou os premios da VII edición ás seis estudantes gañadoras, procedentes de Bueu, Catoira, Moaña, Sanxenxo e Vigo
14/01/2023
A sede da Deputación de Pontevedra en Vigo foi un ano máis o escenario da entrega dos Premios Sofía Novoa, cos que a institución e a Universidade de Vigo premian a integración da perspectiva de xénero nos Traballos de Fin de Grao e Fin de Máster presentados no curso académico 2021-2022 nos campus da provincia. Os galardóns, que chegaron xa á súa 7ª edición, recaeron nas mozas Raquel Álvarez (Bueu), Nuria Bouzas (Catoira), Alba Fernández (Vigo), Emma Juncal (Moaña), Rebeca López (Vigo) e Elena Moldes (Sanxenxo). A presidenta da Deputación, Carmela Silva, entregou os premios nun acto conducido pola actriz e contadora Cris Collazo (caracterizada como Sofía Novoa da que fixo unha particularísima semblanza), e no que non faltou a música, disciplina na que precisamente salientou Novoa Ortiz, a cargo da pianista Laura Zapatero Barreiro.
A presidenta da institución provincial, Carmela Silva, reivindicou a perspectiva de xénero no ámbito académico como un instrumento “fundamental para frear as desigualdades que sofren as mulleres”, e asegurou que “temos que superar a visión androcentrista do mundo, poñerlle nome e apelidos ás mulleres referentes, e conseguir que elas sexan unha parte activa do coñecemento, porque se non investigamos e propoñemos solucións a aquilo que nos preocupa, lamentablemente pouca xente o fará por nós”. Neste sentido, a presidenta lembrou a necesidade “de aumentar a porcentaxe de alumnas nas carreiras STEAM, onde seguen sendo minoría”.
Carmela Silva sinalou que “os Premios Sofía Novoa son un instrumento máis que busca premiar a reparación desta inxustiza histórica” e que tamén visibiliza “os esforzos de mulleres e homes co firme compromiso de que a metade da poboación estea correctamente representada aí onde nace a innovación, onde se deseñan proxectos que posibilitan e potencian o noso correcto desenvolvemento persoal e que mesmo chegan a salvar as nosas vidas”. Por iso, a presidenta provincial instou “á comunidade académica e ao persoal investigador a que traballemos xuntas e xuntos e sigamos remando cara á igualdade” e agradeceu “á Universidade de Vigo porque demostra que a igualdade, ao igual que para a Deputación, é unha prioridade”.
Os premios e as premiadas
Na modalidade de Traballos Fin de Grao outorgáronse dous premios de 1.000 € a Raquel Álvarez por “O traballo por proxectos e o álbum ilustrado para promover a igualdade de xénero en educación infantil”, unha intervención baseada na simbiose destes instrumentos e xéneros como metodoloxía idónea para abordar as cuestións de xénero e promover a igualdade en 5º de Educación Infantil, e a Elena Moldes por “Visibilidade e representación da muller na divulgación científica: análise crítica da revista National Geographic en 2020”, no que analiza a representación e visibilidade das mulleres en publicacións de divulgación científica. Tamén se entregou un accésit (600 €) a Alba Fernández por “Muller e prisión en España”, investigación centrada na discriminación da muller na execución da pena de prisión, onde ten sido ignorada no contexto dunha regulación penal androcéntrica.
En canto aos Traballos Fin de Máster, os premios foron parar a Nuria Bouzas por “O álbum e a novela gráfica como recurso didáctico para unha educación en igualdade na ensinanza das artes plásticas de secundaria”, centrado na potencialidade didáctica destes xéneros como medio para introducir temas transversais de relevancia como a problemática de xénero e a igualdade, e a Rebeca López por “Proposta de dicionario feminista de termos cinematográficos para o profesorado de bacharelato. A igualdade de xénero no currículo de cultura audiovisual”, no que propón un recurso didáctico pensado con perspectiva de xénero para facilitar a docencia buscando a incorporación de referencias fílmicas femininas. O accésit recalou en Emma Juncal por “Análise dos estereotipos de xénero no alumnado de Educación Infantil enmarcado nas ciencias experimentais”, un estudo centrado en coñecer os estereotipos de xénero presentes no 2º ciclo de Educación Infantil.
Unha homenaxe ao legado de Sofía Novoa Ortiz
A Deputación de Pontevedra recoñece e visibiliza a figura histórica de Sofía Novoa Ortiz, unha muller silenciada e esquecida nos libros, pedagoga cunha gran cultura e que loitou para que as mulleres ocupasen espazos públicos. O seu compromiso destaca no emprego da música como vehículo para o ensino da cultura e do idioma. Ingresou aos 17 anos na “Residencia de Señoritas”, en Madrid, dependente dunha institución que se encargaba de fomentar a renovación pedagóxica e científica en España. Alí, Novoa Ortiz foi unha das artífices dun ambicioso e pioneiro programa educativo que posibilitou o acceso á educación superior a moitas mulleres, xa que daquela só podían estudar especialidades ou doutorarse en Madrid. A súa formación musical culminou coa carreira de Solfexo, Harmonía e Piano en 1925 no Conservatorio Superior de Música, onde acadou o premio extraordinario. Completouna no curso 1925-1926 en Lisboa, onde estudou Piano, Contrapunto, Inglés, Portugués, Historia e Análise da Música.
Os Premios Sofía Novoa, con sete edicións ás súas costas, xa teñen premiado a 36 persoas e valorado 132 traballos presentados, consolidándose como un instrumento para concienciar sobre a importancia da perspectiva de xénero e acadar a igualdade efectiva entre mulleres e homes.