A Deputación abre este venres o prazo para que cooperativas agrogandeiras e confrarías e agrupacións de mariscadoras da provincia soliciten as axudas para o apoio ao sector primario

As dúas liñas están dotadas cun total de 700.000 euros, 200.000 máis que o destinado no 2024, e en ambos casos distribuiranse por concorrencia competitiva

13/03/2025

A Deputación de Pontevedra abre este venres, 14 de marzo, o prazo para que confrarías de pescadores, federacións de confrarías e agrupacións de mariscadoras e cooperativas agrogandeiras da provincia poidan solicitar axudas ao abeiro das dúas liñas dotadas cun total de 700.000 euros, 200.000 máis que o destinado no 2024, para apoiar o sector primario. En ambos casos, distribuiranse por concorrencia competitiva e as entidades terán un prazo de 20 días hábiles para presentar as súas solicitudes.

Desta maneira, as confrarías e agrupacións de mariscadoras poderán solicitar axudas por valor de 350.000 euros, 100.000 € máis con respecto ao pasado ano, a través de dúas liñas diferentes. Por unha banda, a Deputación pon á disposición do sector 150.000 euros, o dobre que o pasado ano, para investimentos, entre os que se inclúen materiais de vixilancia, elementos de transporte, construcións ou mobiliario. Tamén aumenta a segunda das liñas, destinada a gasto corrente, pasando de 175.000 a 200.000 €, coa que poderán financiar gastos como o combustible e a electricidade, a adquisición de semente de moluscos bivalvos ou o gasto de persoal. En ambos casos, a achega ira dos 600 aos 40.000 euros, sendo a porcentaxe máxima subvencionable do 80% do orzamento.

Por outra banda, as axudas a cooperativas agrogandeiras, que ascenden tamén aos 350.000 euros, experimentan ao igual que as anteriores unha suba de 100.000 euros con respecto ao pasado ano. A través desta liña a Deputación repartirá entre 600 e 45.500 euros que servirán para financiar ata o 65% do investimento. Con estes fondos, as cooperativas poderán realizar investimentos para mellorar os seus servizos, impulsar a comercialización e valorización dos seus produtos, mellorar a formación, desenvolver proxectos de innovación, e, entre outras actuacións, investir no uso das novas tecnoloxías ou enerxías renovables.