Luis López anuncia a posta en marcha da segunda edición do Plan +Xuventude, que repartirá 120.000 €, 20.000 máis que en 2024, para impulsar proxectos de iniciativa social

As asociacións xuvenís da provincia poderán recibir ata 5.000 euros para proxectos empresariais, de vida saudable, cultura, fomento do asociacionismo ou dinamización do medio rural, entre outros

27/12/2024

Conferencia de prensa de Luis López

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar a segunda edición do Plan +Xuventude. Unha liña que, ante o éxito da primeira edición (na que se financiaron un total de 17 proxectos), aumenta un 20% o seu orzamento, pasando dos 100.000 € de 2024 aos 120.000 euros. “Nunca antes na historia desta institución se tiña apostado pola xuventude desta maneira nin se tiñan deseñado liñas específicas para apoiala. E nós queremos estar aí, impulsando o seu talento e os seus proxectos a través de axudas como estas”, asegurou o presidente provincial, Luis López, ao tempo que lembrou que o goberno provincial “continúa traballando a prol da xuventude da provincia, nun ano no que, como sabedes, creamos o servizo de Xuventude e Reto Demográfico, a cargo do deputado Jorge Cubela”.

En concreto, as axudas do Plan +Xuventude están dirixidas tanto a asociacións xuvenís sen ánimo de lucro que prestan servizos dirixidos á xuventude como a grupos formados por entre 3 e 8 persoas de 18 a 35 anos que propoñan a realización dun proxecto de interese xeral e social. Cada asociación xuvenil poderá recibir un máximo de 5.000 euros para poñer en marcha iniciativas de interese social. As propostas deben favorecer e promover o desenvolvemento persoal e comunitario, contribuír ao apoderamento xuvenil, á formación en valores ou á consecución de hábitos saudables, e tamén enriquecer a vida social, económica, científica e cultural da provincia.

En concreto, pódense presentar proxectos englobados en diferentes áreas: Iniciativa empresarial; vida saudable e loita conta a violencia e conductas de risco; fomento da cultura en todas as súas áreas, da innovación así como a promoción de sectores coma o científico, tecnolóxico e dixital, as ciencias xurídicas e as sociais; creación de Consellos Locais de Xuventude e o fomento do asociacionismo e voluntariado xuvenil; promoción do desenvolvemento e dinamización do medio rural, a loita contra a soidade non desexada, así como proxectos que teñan impacto no rural dende a perspectiva de reto demográfico. O prazo para solicitar estas subvencións estará aberto entre o 17 de febreiro e o 14 de marzo.

videos

audios