“Só desmontando a propaganda franquista conseguiremos unha sociedade máis democrática e equitativa”

A deputada María Ortega presentou en Ponteareas o libro editado polo departamento de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación, ‘Da terra espoliada’, de Pancho Candeira

13/06/2023

‘Da terra espoliada’, de Pancho Candeira en Ponteareas

“Só desmontando a propaganda franquista conseguiremos construír unha sociedade máis democrática e equitativa, sen caciques nin prebendas. Unha sociedade que forme á nosa mocidade nos valores de equidade, transparencia e xustiza social que esixe calquera democracia”. Así o indicou hoxe a deputada de Memoria Histórica María Ortega na presentación do libro editado polo departamento de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación, ‘Da terra espoliada’, escrito por Pancho Candeira para explicar como a xente da comarca do Condado sobreviviu nos anos da ditadura.

No acto, celebrado no auditorio municipal de Ponteareas, estiveron presentes ademais do autor, a alcaldesa en funcións Cristina Fernández, que deu a benvida, e a deputada María Ortega, así como representantes doutros municipios da zona e numerosa veciñanza, á que se lle entregaron de balde exemplares da publicación. Esta tamén se entregará nas bibliotecas e puntos de lectura municipais.

Na súa intervención, a deputada agradeceu a investigación de Candeira, que se plasmou máis de medio milleiro de páxinas de documentación e análise, e que se une a todo o traballo feito nos últimos catro anos en prol da Memoria na provincia dende o departamento. “Nestas páxinas faise un percorrido que nos permite coñecer como a ditadura cambiou aquela sociedade solidaria que a xente do común pretendeu implantar a principios de século, por un sistema caciquil e corrupto onde a equidade era substituída por caridade, previa xenuflexión ante o señorito ou o gobernador civil”, destacou Ortega.

“Non se trata de saldar contas co pasado senón de ofrecerlle ao futuro unha visión poliédrica da historia, afastada do relato único e tramposo que perpetuou o franquismo. Atoparedes na súa lectura moitos apelidos daquela que seguen resoando hoxe. E con eles, os seus xeitos caciquís de facer política”, indicou a deputada, quen se despediu como responsable da área de Memoria Histórica pero se comprometeu a seguir “do lado da xente que fai memoria onde sexa e do xeito que sexa, pero sempre con vós”.

Contrabando, estraperlo e incendios

O contrabando  a situación de miseria que houbo no Condado foron un dos eixos do libro de Candeira. Destacou que a fame obrigou á xente máis humilde, agricultores e campesiños a dedicarse a pasar a fronteira pola noite con mercadorías e tamén ao mesmo tempo a unha serie de persoas, sobre todo mulleres, que se encargaban de facer o transporte e distribución na comarca e tamén cara a Vigo. “Iso era puramente para sobrevivir, pola necesidade. O mercado negro nutriuse desa necesidade aguda que había. Outra cousa era o estraperlo que podían realizar os amigos do réxime, encargados dun depósito de mercadorías e produtos que estaban racionados, para logo eles revendelos no mercado negro con grandes beneficios”, subliñou.

No libro hai unha ampla descrición de ambas situacións, dos métodos de pasar o río e das penalidades tremendas da distribución, porque se facía contrabando pero pasando dificultades, salientou Candeira.

No relativo á repoboación forestal, o autor subliñou os incendios como forma de resistencia da veciñanza. Segundo subliñou a repoboación forestal foi para a xente do Condado desmontar o seu modo de vida, que se baseaba na agricultura, da que lles obrigaban a entregar parte da colleita, e do aproveitamento dos montes comunais, que foron expropiados, feitos propiedade do Estado ou dos Concellos e foron repoboados cun interese que nada tiña que ver cos intereses da vida tradicional. Perdéronse os aproveitamentos tradicionais e o pastoreo, xa que o gando tiña moita máis importancia que agora.

“Foi un ataque directo ao modo de vida tradicional. Entón, estamos a falar dos anos 40 e 50, co que o poder da presión do Estado é enorme, das forzas de seguridade, contra calquera acción que destruíse a repoboación forestal. Por iso unha das maneiras encubertas de protestar e intentar manter a situación de antes eran os lumes forestais. Os incendios eran moi frecuentes e cando un ía indagar quen fora a persoa responsable sempre era unha persoa ou disminuída ou mal da cabeza ou un neno que non era consciente... Iso era o que a xente das aldeas poñía por diante para mitigar o castigo que se podía recibir”, destacou.

Tamén lembrou Candeira que para protestar tamén se facían rogos pola vía legal ás autoridades, alcaldes e gobernador civil, para que tivesen en conta que remataban co modo de vida, pedindo espazos para a gandería. Nalgúns casos tívose en conta e noutros non, “por iso os incendios como resistencia”, lembrou.

Depuracións e corrupción

Outro dos aspectos máis destacados no libro de Candeira foi o das depuracións do persoal municipal en concreto sobre Ponteareas. “A depuración foi xeral en toda a sociedade e sectores, con penas diferentes en función de que sector fose. Aquí hai unha depuración administrativa, na que o máximo que podía pasar era a perda do posto de traballo”.

Tamén fai o investigador un percorrido por outra serie de deputacións ou sancións que recaen sobre o funcionariado por irregularidades e corrupción. “O que se deixa entrever non só é unha conduta irregular de aproveitarse de cartos que viñan para as familias dos mortos na guerra, franquistas, senón sobre todo pola loita interna no Concello por quen acapara os cargos, se as vellas elites conservadoras partidarios da familia Bugallal, ou as novas elites, fundamentalmente falanxistas”, finalizou Candeira.

Galerias de imaxes

videos