A Deputación mobilizou 2,4 millóns no Morrazo a través do Plan +Provincia para financiar 15 obras
A institución provincial outorgou axudas por valor de 2,4 millóns de euros aos concellos de Bueu, Cangas do Morrazo e Moaña
19/10/2024
A Deputación de Pontevedra mobilizou a través do Plan +Provincia un total de 2,4 millóns de euros para realizar 15 investimentos no Morrazo, con axudas da institución provincial que recalaron nos concellos de Bueu, Cangas do Morrazo e Moaña.
En Bueu, a Deputación mobilizou un total de 745.483,19 € a través de 6 proxectos financiados con 728.556,01 de fondos provinciais: a ampliación das redes de abastecemento e saneamento na zona de Bon de Abaixo, a pavimentación de camiños en Beluso e Outeiro, o proxecto de substitución do tubo de pluviais e pavimentación dun camiño no lugar de Murráns, a mellora da eficiencia enerxética da iluminación do campo de fútbol municipal da Graña e o proxecto de pavimentación do aparcamento do pavillón municipal Pablo Herbello.
En Cangas do Morrazo mobilizáronse un total de 894.669,73 € para financiar integramente grazas ao Plan +Provincia catro proxectos: actuacións de reasfaltado en Espiñeiro, Longán, Rodeira, Cunchido e A Madalena, a re urbanización e humanización da Rúa da Estrela, a subministración dun camión para baldeo e a subministración de reixas para a fonte de Maria Soliña.
En Moaña, o Plan +Provincia deixou un total de 802.214,39 €, financiando cinco proxectos con achegas por valor de 796.139,09 euros: a renovación do abastecemento e saneamento e novo colector de pluviais na Rúa Lameira, a renovación do colector de saneamento e pavimento na Rúa Baixada á Torneira, a mellora da vía municipal desde San Lourenzo a Carballido, o acondicionamento do camiño da Isamil e a adquisición dun vehículo para o departamento de obras e servizos.
O Plan +Provincia tivo un orzamento de 48,2 millóns de euros, dos que se beneficiaron todos os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia e que supuxeron unha mobilización de preto de 53 millóns de euros en arredor de 400 proxectos. O plan de cooperación municipal da Deputación de Pontevedra volverá ser histórico en 2025, con outros 48,2 millóns de euros á disposición dos concellos da provincia baixo as claves de cooperación, equilibrio e respecto á autonomía local.