A Deputación organiza este sábado unha actividade para coñecer en familia o bosque do Castelo de Soutomaior

As prazas para o roteiro, da programación “Mouras e Meigas no Castelo de Soutomaior”, pódense reservar na plataforma de venda en liña do sitio web do Castelo

30/05/2023

A Deputación organiza este sábado, 3 de xuño, unha das 30 actividades que a institución ten previsto realizar este ano no Castelo de Soutomaior: ‘O bosque segundo a estación’, un obradoiro e roteiro familiar para coñecer as súas cores, formas, texturas e as especies que habitan nel, así como as propiedades e os beneficios que teñen as árbores e demais especies vexetais desta contorna natural.

A actividade forma parte do programa ‘Mouras e Meigas no Castelo de Soutomaior’, comeza ás 16:30 horas e as entradas xa están dispoñibles na plataforma de venda en liña do sitio web do Castelo, a un prezo único de 8 € (que inclúen a entrada ao Castelo, valorada en 5 €). A actividade conta cun total de 30 prazas.

‘Mouras e Meigas no Castelo de Soutomaior’ trátase dunha programación de actividades que abrangue visitas teatralizadas, obradoiros, contacontos e roteiros para familias con nenas e nenos baseadas nas lendas, os oficios tradicionais e as tradicións da provincia de Pontevedra. As familias pódense achegar á mitoloxía popular da provincia, xogos tradicionais, oficios artesanais, seres mitolóxicos ou tradicións coma os maios, as herbas de San Xoán, a vendima ou o Samaín. Ofértanse en total 360 prazas.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.