Luis López recalca a mellora das infraestruturas provinciais cun investimento de medio millón de euros para humanizar o viario de acceso á Igrexa de Figueirido

O presidente provincial visitou a estrada EP-0104 co alcalde de Vilaboa, César Poza, para comprobar o remate dunha obra que deixa unha estrada ampla e cunha senda peonil

05/06/2024

O presidente provincial visitou a estrada EP-0104 co alcalde de Vilaboa

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, salientou a importancia de cooperar cos concellos da provincia para mellorar os seus servizos e infraestruturas durante unha visita a Vilaboa para comprobar o remate da humanización do viario que conecta a EP-0104 co cemiterio e a igrexa de Figueirido. "É un día importante para Figueirido porque esta obra é unha proba de que no marco da colaboración entre o Concello e a Deputación se executa unha obra que deixa unha estrada confortable, moderna e, sobre todo, onde os peóns poden camiñar dun xeito seguro", explicou o presidente López, que estivo acompañado pola deputada de Infraestruturas, Isabel Couselo.

Os traballos centráronse nun treito de case 650 metros nos que se renovou a pavimentación do trazado e se construíu unha senda peonil de formigón coloreado. Ao mesmo tempo, implantouse un novo sistema de drenaxe de augas pluviais, renováronse as paradas de autobús, rehabilitouse o firme da estrada, instaláronse pasos de peóns sobreelevados, incorporáronse redutores de velocidade, creouse unha zona de convivencia entre peóns e vehículos de prioridade peonil e acondicionáronse as parcelas da contorna. "Era un viario estreito, e realizamos un ensanche e construímos unha senda", resumiu o dirixente provincial.

O proxecto, que supuxo un investimento de medio millón de euros, foi financiado ao 100 % pola Deputación de Pontevedra. A través dun convenio de colaboración asinado co Concello, o ente provincial asumía o 70 % do custe, uns 350.000 euros, mentres que o 30 % restante recaería na administración municipal. Eses 150.000 euros foron tamén achegados pola Deputación a través dunha subvención ao abeiro do Plan Concellos. Con todo, o goberno local asumiu os custos das expropiacións, que roldan os 30.000 euros.

O presidente provincial visitou a estrada EP-0104 co alcalde de Vilaboa

"A nosa filosofía é ir adecuando os viarios provinciais tendo en conta a seguridade dos peóns e incluímos melloras como novas marquesiñas, espazos de convivencia entre peóns e coches ou redutores de velocidade", puntualizou Luis López antes de lembrar a aposta que a Deputación está a realizar polo mantemento das estradas provinciais. "Hai unha semana faciamos unha modificación de crédito onde destinabamos 17 millóns para o mantemento das estradas. E, xunto co que fixemos hai uns meses, suman 60 millóns. Un compromiso claro para ter as estradas provinciais nun estado impecable", afirmou o presidente.

Pola súa banda, o alcalde de Vilaboa, César Poza, amosouse "encantado" por visitar co presidente provincial unhas obras "moi demandadas polos veciños" e que deixaron "un espazo humanizado que tamén é un punto de encontro". "Este tipo de obras o que fan é mellorar a vida de xente e esa ten que ser a nosa función", comparten rexedor e presidente.

audios