O Pleno da Deputación incorpora ao orzamento deste ano 26 millóns de euros de remanentes para reforzar os investimentos na provincia

O Pleno coñeceu a liquidación do Orzamento de 2021 que amosa o músculo financeiro da institución e unha xestión incontestable que non tivo un só reparo da Intervención

25/02/2022

Silencio por Villa de Pitanxo

O Pleno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe a primeira modificación de créditos do Orzamento de 2022 para incorporar os 26 millóns de euros dos remanentes que se destinarán a novos investimentos na provincia, entre eles reforzar os fondos destinados ás estradas provinciais, o cofinanciamento dos fondos europeos, a conservación do patrimonio provincial, a dixitalización da Administración, o plan Revitaliza e a Cooperación Transfronteiriza. Unha medida que demostra a axilidade da institución para a utilización de tódolos recursos a prol da transformación da provincia.

Por outra banda, o Pleno coñeceu a liquidación dos Orzamentos de 2021 cunhas cifras de récord, que volven demostrar o músculo financeiro dunha Administración solvente, saneada e comprometida co impulso ao municipalismo ao seguir na primeira posición de toda España en volume de transferencias aos concellos, alcanzando un 34% dos recursos, moi por enriba do 18% da media das deputacións do estado e do exiguo 2,4%, sobre a súa recadación tributaria, da Xunta de Galicia.

O Pleno comezou cunha declaración institucional polo naufraxio do Villa de Pitanxo, transmitindo “o máis sentido pésame” ás familias e seres queridos dos tripulantes falecidos. Ademais enviou a solidariedade á comarca do Morrazo e o recoñecemento “ao conxunto da grande familia do mar”. Finalmente, a Deputación súmase a toda a cidadanía galega “neste momento de fonda tristura par ao país e ao esforzo de tódalas autoridades competentes, dos buques galegos e portugueses que acudiron ao rescate e da empresa armadora para poñer á súa disposición os medios e recursos necesarios para axilizar tódolos trámites precisos para que as familias poidan comezar o seu dó”. A continuación gardouse un minuto de silencio.

Ademais, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, en nome de toda a Corporación, expresou a solidariedade co pobo de Ucraína pola invasión que está a padecer por parte de Rusia.

Os números da  liquidación

A liquidación do Orzamento de 2021 reflicte un resultado de 86.912.163 euros, superior en 11,8 millóns (un 17,7%) ao ano anterior, mentres que o remanente de Tesourería ascende a 177.712.869 euros. A Deputación pagou o 100% das obrigas recoñecidas o ano pasado e ademais fíxoo sen un só reparo de Intervención, mantendo así a traxectoria dos exercicios anteriores. O aforro neto, que mide a solvencia da institución, está en 86.989.266 euros, datos que amosan con contundencia a saúde económica da institución. Capítulo á parte é a débeda, que pasou dos 40,98 millóns que deixou o Partido Popular en 2015 a 0,48 millóns de euros. Un avance que permitiu contratar o crédito de 25 millóns de euros a finais do ano pasado para lanzar o plan Reacciona Pontevedra (ReacPon) e facer posible así a realización de 47 grandes obras transformadoras noutros tantos concellos. Por outra banda, a pesar de estar suspendidas as regras fiscais, cumpriuse sobradamente, cunha marxe de 23,4 millóns de euros, coa estabilidade orzamentaria e o período medio de pago das facturas quedou nunha media de  só 9,43 días.