O Museo de Pontevedra , “unha auténtica xoia”
O Edificio Castelao acolleu a celebración pola consecución dos distintivos da Q e o S de calidade e sustentabilidade turística do ICTE
24/01/2023
Os distintivos ‘Q’ de calidade e o ‘S’ de sustentabilidade turística acadados polo Museo de Pontevedra xa están en Pontevedra e na tarde de hoxe foron o centro dunha celebración conxunta que compartiron representantes da propia institución, da Deputación, do Concello capitalino e da cidadanía nun acto que puxo de relevo que o Museo “é unha auténtica xoia” que debe ser aínda máis coñecida polo gran público.
O evento, dirixido pola xornalista Susana Pedreira e coa ambientación musical do dúo Mallou, tivo a participación da presidenta Carmela Silva, o vicepresidente César Mosquera, o director do Museo Xosé Manuel Rey, xunto ao alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, que coincidiron ao destacar a categoría do Museo como o de máis interese de todo o país e un dos máis relevantes a nivel estatal.
Estiveron presentes integrantes do Consello asesor do Museo como Lola Dopico ou Kin Martínez, as deputadas Ana Laura Iglesias, Gregorio Agís e Pepa Pardo da Corporación Provincial, así como integrantes da Corporación municipal como Eva Vilaverde, Carmen Fouces, Carme da Silva, Xaquín Moreda, ou Demetrio Gomez (BNG), Silvia Junco e Martín Martínez (PP) e Agustín Fernández (PSOE).
Tamén tomaron parte do evento representantes das tres entidades que obtiveron outras distincións da ‘Q’ de calidade na cidade: Xosé Cannas por Ultramar, Iñaki Bretal por Eirado da Leña, e Meritxell Marcos, directora do Parador, que salientaron o grande estímulo que supón ser recoñecido por calidade a nivel estatal e a relevancia que supón convivir co Museo nunha cidade coas características de Pontevedra.
O vicepresidente Mosquera, como responsable político da institución museística, destacou que os distintivos do ICTE son o recoñecemento a un saber facer “que xa se coñece de maneira interna”, pero que é preciso aproveitar e potenciar dándolle tamén a “máxima trascendencia” no exterior. Neste sentido, lembrou unha vez máis que o Museo é a única entidade do seu ámbito en todo o estado que ten o ‘Q’ e o ‘S’, mentres que pinacotecas como o Thyssen ou o Guggenheim ou o arqueolóxico de Alicante só teñen o primeiro galardón. “Por comparar, non teñen ningún dos distintivos o Prado nin o Reina Sofía”, destacou.
“O Museo de Pontevedra –gabouse o nacionalista- é o mellor museo de toda Galicia a anos luz dos demais tanto por fondos como por funcionamento e calidade. É unha auténtica xoia”. Lembrou, neste sentido, que houbo un erro histórico cando na época de Fraga se apostou por construír a Cidade da Cultura: “O museo nacional de Galiza xa estaba en Pontevedra”, sentenzou.
Na mesma liña seguiu o director do Museo, Xosé Manuel Rey, quen destacou que os recoñecementos do ICTE son froito de anos de traballo e moita xente, non “flor dun día”. Fixo un agradecemento expreso á persoa responsable de Avaliación e Calidade por ser a artífice dos recoñecementos, e salientou que “supoñen diferenciarse nun mundo tan competitivo como é o dos museos”. “É moi interesante porque serven para identificar puntos fortes e débiles e marcar unha folla de ruta. A partir de aquí iremos medrando cara o futuro”, dixo.
O alcalde de Pontevedra Fernández Lores salientou dous conceptos sobre o Museo: a súa importancia para a cidade e a súa excelencia. Neste sentido, lembrou que dende a súa fundación sempre foi valorado e sempre estivo do lado da cidade e contou co apoio de todos os sectores sociais. En canto á excelencia subliñou que se trata dun referente dentro dunha cidade referente que está á vangarda arquitectónica, de programación e pola súa capacidade de fusión coa cidade.
Experiencias turísticas únicas
Pola súa banda, a presidenta da Deputación Carmela Silva asegurou que “temos unha firme aposta pola calidade do destino Rías Baixas o que nos tiña convertido xa en líderes en Galicia en canto a oficinas de turismo galardoadas coa Q de calidade. Agora, co distintivo Q que vén de conseguir o Museo de Pontevedra, e S de sustentabilidade, damos un salto máis, un paso cara adiante que recompensa o esforzo, compromiso e dedicación do persoal implicado na prestación dun servizo orientado ás e aos visitantes que aposta pola mellora continua e o respecto á contorna natural”.
Ademais de poñer o aceno no esforzo realizado polas persoas traballadoras, a presidenta provincial destacou que a “Q” de calidade e a “S” de sustentabilidade é tamén “unha garantía cara aquelas e aqueles que nos visitan, que saben que a provincia é sinónimo de confianza, de seguridade, de compromiso, ter feito moi ben as cousas e de profesionalidade en canto á prestación de servizos orientados a construír experiencias turísticas únicas”.