O Museo celebra o Día do Libro cun obradoiro de papel reciclado e marcapáxinas aberto a todos os públicos
O obradoiro desenvolverase o sábado pola mañá e completarase o domingo co obsequio de publicacións editadas polo Museo
19/04/2023
O Museo de Pontevedra celebrará o 23 de abril, Día Internacional do Libro, con dúas actividades que se desenvolverán esta fin de semana: un obradoiro aberto, dirixido a todos os públicos, e un reparto de balde de libros e catálogos entre as persoas que visiten o Museo.
O sábado 22 de abril de 10:00 a 13:00 h no Edificio Castelao terá lugar un obradoiro aberto, dirixido a público de todas as idades. As persoas que nesa franxa horaria se acheguen ao Museo poderán elaborar o seu propio papel artesanal con papel reciclado e fibras naturais como algodón, liño, bambú... Con ese papel poderán estampar marcapáxinas con gravados orixinais deseñados para este obradoiro e inspirados nas obras de grandes artistas galegos como Castelao e Luis Seoane. O obradoiro estará a cargo de Eulogio Rosales e Silvia López.
Por outra banda, as persoas que se acheguen o mesmo Día do Libro, o domingo 23 de abril de 11:00 a 14:00 horas ao Edificio Castelao, serán obsequiadas con publicacións editadas polo Museo, tales como catálogos de exposicións e libros de arte, arqueoloxía e outras materias.
Por outra banda, tamén co gallo do Día do Libro, o departamento da Biblioteca do Arquivo provincial (Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico) vén de actualizar na correspondente sección da páxina web o acceso ao boletín de novidades, que está a ser remitido tamén por mail a todas aquelas persoas suscriptoras que así o teñen solicitado a través do correspondente enlace.
O boletín conta cunha información básica das publicacións e o acceso directo ás correspondentes fichas bibliográficas en Atopo cos datos completos e as condicións de acceso e dispoñibilidade. Nesta ocasión inclúe un total de 77 novos títulos relacionados na súa practica totalidade co ámbito galego e nunha alta porcentaxe (máis do 76%) coa provincia de Pontevedra. Dende o punto de vista da lingua, 69 están en galego e 8 en castelán e falando das editoriais 52 pertencen a editoriais privadas e 25 a institución de carácter público (entre elas 12 da propia Deputación de Pontevedra).