O Consorcio Provincial de Emerxencias desprega unha dotación de cinco bombeiros e dous vehículos para axudar nos labores de rescate e reconstrución en Valencia
O presidente provincial destaca a profesionalidade do persoal de Emerxencias e recalca que todos os medios da Deputación están a disposición da Xunta, encargada de coordinar o operativo de axuda ás zonas afectadas pola DANA desde Galicia
04/11/2024
O Consorcio Provincial do Servizo Contra Incendios e Salvamento envía cinco bombeiros e dous vehículos do para colaborar nos labores de rescate de persoas e reparación dos danos causados pola DANA a pasada semana na Comunidade Valenciana. “Agradecemos a profesionalidade e disposición dos bombeiros, que non escatiman esforzos para axudar ás vítimas de traxedias como a que está a padecer a cidadanía da Comunidade Valenciana”, salientou o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López.
A Deputación de Pontevedra ten todos os seus medios á disposición da Xunta de Galicia, encargada de coordinar as acción de axuda para a xestión desta emerxencia. Ademais, os responsables de Emerxencias do organismo provincial participan nas reunións do comité para garantir o máximo apoio ás vítimas desta catástrofe. Así o fixo o presidente Luis López o pasado sábado ao participar nunha reunión telemática convocada pola Xunta para coordinar a resposta e o envío de medios profesionais ás zonas afectadas.
A través dunha resolución presidencial, o mandatario provincial autorizou a mobilización de persoal e medios da Deputación para prestar a máxima axuda posible ás persoas afectadas. En concreto, este primeiro continxente posto a disposición pola Deputación de Pontevedra consta de dous xefes de dotación, tres bombeiros, unha bomba urbana pesada e un vehículo de mando.