O AECT Rio Minho e o comité da conca do Río Uruguai asinan un protocolo de colaboración para tecer unha rede de fronteiras fluviais de intercambio de experiencias
O director do agrupamento, Uxío Benítez, destaca as semellanzas entre as dúas entidades en retos como a xestión ambiental, hídrica e social
29/11/2022
O director do AECT Rio Minho e deputado de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez e o vicepresidente do Comité para o Desenvolvemento da Conca do Río Uruguai (CCRU) -fronteira fluvial que conecta Brasil, Arxentina e Uruguai-, Martín Oliva, asinaron na tarde de onte un protocolo de colaboración entre as dúas entidades para continuar co intercambio de experiencias sobre xestión de fronteiras hídricas. O acordo chega durante a visita de estudo que o CCRU está a realizar ao territorio do Rio Minho Transfronteirizo, durante a cal se celebrou un seminario entre ambas institucións para pór en común os seus modelos de xestión.
Segundo explica Uxío Benítez, o AECT Rio Minho leva traballando dende hai tempo para impulsar unha rede de fronteiras fluviais que facilite o intercambio de coñecementos e favoreza a cooperación. As particularidades que afectan a este tipo de fronteiras, segundo o deputado, son moi semellantes, sobre todo no que se refire á xestión ambiental, hídrica e social. Durante o ano 2020 o agrupamento estreitou relacións con casos similares como o do río Guadiana ou o río Rin, participando en varios seminarios e reunións internacionais.
Durante o encontro que se está a celebrar estes días no territorio do Rio Minho Transfronteirizo e remata hoxe, os e as representantes das entidades locais da chamada “Fronteira de Paz”, onde coinciden Brasil, Arxentina e Uruguai, puideron comprobar in situ as grandes similitudes existentes entre a fronteira latinoamericana e a miñota, destacou Uxío Benítez. As problemáticas ecolóxicas, a xestión da auga ou a realidade socioeconómica de ambos territorios presentan grandes semellanzas ás que se poden buscar solucións comúns.
A visita do CCRU enmárcase á súa vez na iniciativa de Cooperación Triangular da Asociación de Rexións Fronterizas Europeas (ARFE), da que o AECT Rio Minho tamén forma parte xunto coa Autoridade Binacional boliviano-peruana do Lago Titicaca e o Congreso de Intendentes de Uruguai e o CCRU, que ten por obxectivo fortalecer as capacidades económicas, sociais e ambientais destas entidades. Os encontros terán continuidade o próximo ano 2023 con novas reunións en en Puno (Perú) e Paysandú (Uruguai).