Marta Fernández-Tapias e Rafa Domínguez nomeados oficialmente vicepresidentes da Deputación de Pontevedra
O presidente Luis López ven de asinar a Resolución Presidencial pola que ámbolos dous deputados provinciais pasan a ocupar as vicepresidencias da institución
07/07/2023
Xa son oficiais os nomeamentos de Marta Fernández-Tapias e Rafa Domínguez como vicepresidentes da Deputación de Pontevedra. O presidente provincial Luis López ven de asinar a Resolución Presidencial pola que ámbolos dous deputados provinciais pasan a ocupar as vicepresidencias da institución. A falta de perfilar as áreas que dirixirán os/as deputados/as, con este nomeamento o presidente configura o “núcleo duro” do goberno da institución provincial.
Marta Fernández-Tapias, licenciada en Dereito pola Complutense de Madrid e especialista en dereito mercantil e marítimo-pesqueiro, exerceu a avogacía ata o 2016. Posteriormente ocupou a Dirección Xeral da Administración Local e ata a primavera de 2023 o posto de delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo. Tamén foi deputada autonómica. Actualmente é presidenta local do Partido Popular de Vigo, vicepresidenta provincial do PP, vicesecretaria do PP de Galicia e concelleira de Vigo dende o 2023. O seu coñecemento da administración local convértea nunha das pezas fundamentais da institución provincial e, pola súa proximidade con Vigo, centrará unha grande parte dos seus esforzos en velar polos intereses da cidade.
Pola súa banda Rafa Domínguez, especialista en Medicina Interna é coordinador do servizo da mesma especialidade do Hospital Quirónsalud-Miguel Domínguez. Concelleiro de Pontevedra dende 2015, é presidente local do Partido Popular de Pontevedra, vicepresidente provincial do PP e membro da Xunta Directiva do PP de Galicia. No seu caso, a súa proximidade con Pontevedra fará que tamén centre unha parte importante dos seus esforzos en velar polos intereses da capital da provincia.
Aínda que Pontevedra e Vigo terán aos vicepresidentes Rafa Domínguez e Marta Fernández-Tapias, respectivamente, como grandes valedores, todos os concellos da provincia serán protagonistas da acción política do goberno de López, tal e como quedou claro no discurso de toma de posesión do presidente. “Teño a intención de gobernar esta institución atendendo aos 61 concellos da provincia, sen importar o signo do seu goberno político e centrándonos no benestar da cidadanía” afirmou no acto de investidura. Deste xeito conta cun equipo de goberno “con xente con liderado, capacidade de traballo, coñecemento político e proximidade social” integrado por Jorge Cubela, María Ramallo, Alejandro Lorenzo, Roberto Carrero, Nava Castro, José López, Jesús Vázquez Almuíña, Isabel Couselo, Javier Tourís, Marcos Guisasola e Sandra Bastos. Todas e todos eles serán os encargados de “coidar máis” aos concellos, “a alma desta institución” e cara a que “dirixiremos toda a nosa acción de goberno”.