Mouriscade logra situarse entre as 12 mellores ganderías do estado co plan de mellora xenética que puxo en marcha a Deputación

A Finca adquire 20 novos embrións de Canadá que proceden do 1% de exemplares de raza frisoa de maior calidade a nivel mundial

15/12/2022

A granxa de Finca Mouriscade xa está entre as doce mellores explotacións de todo o Estado tras unha espectacular suba en tempo récord que apuntala o centro da Deputación de Pontevedra como unha referencia no sector agrogandeiro a nivel nacional. A granxa vén de ascender trece postos no último ranking semestral de avaliación xenética publicado hai só uns días pola Confederación de Asociacións de Frisoa Española (Conafe), segundo informou o deputado Manuel González esta mañá na xuntanza do comité de expertas e expertos de Mouriscade. Con este novo salto cualitativo en só un ano e medio a Finca pasou do posto 35 ao 12 das mellores explotacións por índice ICO grazas ao programa de mellora xenética que puxo en marcha a Deputación dentro das accións para relanzar Mouriscade como centro punteiro no ámbito da agrogandería.

Tamén se informou ao comité da recente adquisición de 20 novos embrións de alta calidade xenética a unha empresa especializada canadiana, coa que se espera seguir a obter grandes resultados que continúen a mellora da base xenética do gando da Finca e do sector. A compra materializouse a través dun sistema de contratación dinámica, un procedemento moi áxil que permite dispor dos embrións de xeito case inmediato e garante a súa máxima calidade xenética.  Trátase de embrións de fecundación in vitro (FIV), xenotipados e femias nun 100%, e teñen unha elevadísima calidade xa que proceden do 1% dos mellores exemplares da raza Holstein a nivel mundial.

A calidade da gandería de Mouriscade está a evolucionar de forma continua desde a posta en marcha do plan de revitalización para consolidar a Finca como referencia internacional. O centro xa lograra situar fai seis meses dúas reses entre as cen mellores de todo o Estado (nos postos 21 e 99 respectivamente) por índice ICO, e outras cinco entre as mil con máis alta puntuación.

As previsións, segundo expuxo o deputado provincial ao comité, son as de seguir crecendo a pesar de que neste nivel é xa moito máis complexo subir posicións. A Deputación fíxase como obxectivo escalar seis postos máis ata colocar a granxa entre as seis mellores explotacións a nivel nacional. “Definitivamente estamos a posicionar Mouriscade como un gran referente entre as ganderías con maior calidade xenética”, resaltou González.

Posta en marcha do laboratorio móbil

MOURISCADE ENTRE AS 12 MELLORES GANDERÍAS DO ESTADO

Por outra banda a Deputación vén de dar un impulso á posta en marcha do laboratorio móbil, unha demanda do sector gandeiro que mellorará a implantación embrionaria nas explotacións da provincia. A furgoneta foi subministrada á Finca a pasada semana e o vehículo xa está a ser utilizado para desprazamentos veterinarios, se ben para equipalo e operar como laboratorio é preciso contratar o carrozado. O procedemento está en marcha e a previsión é que en dous meses estará en funcionamento este novo servizo. Ademais o deputado deu conta da adxudicación, o pasado día 2, da obra de rehabilitación integral da cuberta dunha das edificacións da granxa, concretamente sobre unha zona de estabulación, vestiarios e laboratorio. O importe é de 130.000€ e os traballos darán comezo nos vindeiros días. A rehabilitación suporá outra mellora no estado das instalacións, que están a ser modernizadas e dotadas de novos equipos cun alto investimento nos últimos anos.

Formación en benestar animal

O deputado deu tamén conta da formación realizada polo persoal de Mouriscade en materia de benestar animal, dando cumprimento a un compromiso establecido no Plan Estratéxico de Mouriscade. Entre o 21 e o 25 de novembro impartiuse na Finca un curso sobre anatomía e comportamento en función de raza, idade e outros parámetros; prevención e seguridade no traballo; aspectos sociais e económicos do benestar animal; calidade ética das producións; instalacións e equipos; lexislación; e actuación en casos de emerxencia, entre outras temáticas de interese.

O Plan de Comunicación é outro dos eixos estratéxicos nesta etapa para relanzar a Finca e tamén foi tratado no comité. Dentro das accións está o programa de visitas para a veciñanza, colectivos e centros escolares, que comezou en outubro cunha grande acollida. A Finca está a recibir peticións desde toda a provincia. Ademais, o 1 de decembro celebrouse alí a presentación dos proxectos do I Programa de Crecemento Empresarial organizado pola Deputación no viveiro de empresas de Lalín, polo que a institución segue a diversificar a actividade para poñer en valor o centro.

Finalmente, o deputado informou ao comité da prórroga por un ano, e cun importe de 31.000 euros, do contrato do ensilado, sementado, aplicación de herbicida, abonado e roza das parcelas da Finca.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 12 resultados.