A Deputación organiza este domingo unha ruta para coñecer en familia as herbas tradicionais de San Xoán no Castelo de Soutomaior

As prazas para o roteiro están xa todas esgotadas

16/06/2023

MOURAS E MEIGAS NO CASTELO DE SOUTOMAIOR

A Deputación organiza este domingo, 18 de xuño, unha das 30 actividades que ten previsto realizar este ano no Castelo de Soutomaior: “As herbas de San Xoán”, unha ruta a través da cal as familias coñecerán as sete herbas tradicionais de San Xoán, os seus beneficios, o seu emprego tradicional, os seus rituais e lendas que xiran a carón delas. A actividade, que forma parte do programa “Mouras e Meigas no Castelo de Soutomaior”, comeza ás 11:30 horas e ten xa as 30 prazas cubertas.

“Mouras e Meigas no Castelo de Soutomaior” é unha programación de actividades que abrangue visitas teatralizadas, obradoiros, contacontos e roteiros para familias con nenas e nenos baseadas nas lendas, os oficios tradicionais e as tradicións da provincia. As familias pódense achegar á mitoloxía popular da provincia, xogos tradicionais, oficios artesanais, seres mitolóxicos ou tradicións coma os maios, as herbas de San Xoán, a vendima ou o Samaín. Ofértanse en total 360 prazas.

Trala actividade deste domingo, “As herbas de San Xoán”, o programa continúa o sábado 15 de xullo cun día en familia con dous obradoiros sobre xogos tradicionais, o domingo 6 de agosto cun obradoiro sobre os oficios, o sábado 19 de agosto horas cun obradoiro infantil de cociña, o sábado 2 de setembro cun obradoiro de vendima, o sábado 28 de outubro coa celebración do Samaín e, por último, o sábado 4 de novembro coa celebración do Magosto. As entradas para as actividades xa están dispoñibles na plataforma de venda en liña do sitio web do Castelo, a un prezo único de 8 € (que inclúen a entrada ao Castelo, valorada en 5 €) e cada actividade conta cun total de 30 prazas.

Ademais, a Deputación de Pontevedra tamén organiza este ano 68 sesións de visitas guiadas. Celebraranse os luns e os venres de xullo e de agosto e terán versións temáticas por Samaín e polo Nadal. As visitas de Samaín para persoas adultas serán os venres e os sábados de outubro; e as infantís os sábados e domingos de outubro. Por último, do 6 ao 10 de decembro celebraranse as visitas teatralizadas de Nadal.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.