Luis López sinala a celebración dos Mestre Mateo en Lalín como a demostración da capacidade do rural da provincia para organizar eventos culturais de primeiro nivel
O presidente da Deputación, acompañado polo vicepresidente Rafa Domínguez, o deputado de Cultura, Jorge Cubela, e outros membros do goberno provincial; asiste no Lalín Arena á entrega dos maiores premios do audiovisual Galego na que triunfou “Rapa”
15/03/2025
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, salienta a capacidade do rural da provincia para albergar eventos culturais de primeiro nivel como quedou demostrado coa celebración da gala dos XXIII Premios Mestre Mateo que tivo lugar por primeira vez na historia en Lalín. Un evento que conta co apoio do organismo provincial e que se enmarca na aposta do goberno de Luis López por dar a coñecer o interior da provincia, achegar servizos de calidade á veciñanza e descentralizar os grandes eventos culturais.
Acompañado polo vicepresidente Rafa Domínguez, o deputado de Cultura e outros membros do executivo provincial, o presidente Luis López asistiu a unha gala celebrada no pavillón Lalín Arena na que foron recoñecidas as mellores obras do ano do sector audiovisual galego. Unha entrega de premios na que a serie “Rapa” foi a maior triunfadora ao recibir un total de once galardóns, mentres que “As Neves”, mellor película, recibiu outros dous galardóns máis. A cerimonia estivo presentada pola actriz Teté Delgado e contou coa actuación de Baiuca e a dirección artística da coreógrafa Marta Alonso.
Neste sentido, o mandatario provincial recoñeceu a calidade das obras do audiovisual galego e fixo fincapé na sensibilidade que este sector está a demostrar co ámbito rural, ao retratar con mestría a súa realidade en numerosas ocasións tanto na grande e pequena pantalla. Un compromiso que por primeira vez transcende á ficción ao celebrar, co apoio da Deputación, a cerimonia máis importante do audiovisual en Galicia a unha contorna do rural como é Lalín.
Albergar no quilómetro cero de Galicia como é Lalín un evento cultural destas características só puido ser posible grazas á estreita colaboración entre institucións como a Academia Galega do Audiovisual, o Concello de Lalín, a Xunta de Galicia a través de Agadic, a CRTVG e a Deputación de Pontevedra. Un traballo conxunto de moitos meses de antelación e de reunións que desembocou unha gala que pon un punto de inflexión nas localizacións deste tipo de eventos.
Non é a única aposta que está a realizar a institución presidida por Luís López para dinamizar o audiovisual e a cultura na provincia. O goberno provincial ofrece colaboración en forma de liña de axudas e patrocinios para levar a cabo producións audiovisuais e colabora na organización de distintos festivais do audiovisual que se celebran na provincia. Así mesmo está a traballar de forma conxunta coa Xunta de Galicia na recuperación dun emblema cultural como é o Teatro Cine Fraga de Vigo. Unha estratexia centrada na descentralización tanto da cultura como do deporte e do turismo para poñer en valor o paraíso interior que agochan concellos como o de Lalín.