A Deputación mantén o seu liderado en calidade turística con 300 empresas de 32 concellos que optan a revalidar o distintivo SICTED

A provincia de Pontevedra é líder estatal en canto a entidades distinguidas, sendo considerada “o mellor destino SICTED” do conxunto do Estado

12/11/2022

MESA-PROVINCIAL-TURISMO

Durante este 2022 foron 300 as empresas de 32 concellos da provincia que se sumaron e seguiron a metodoloxía do Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos (SICTED) para revalidar o seu compromiso coa calidade e optar ao distintivo que o acredita. Este esforzo conxunto do sector público-privado, coordinado pola Deputación de Pontevedra e do que vén de dar conta na Mesa Provincial de Turismo, está a permitir consolidar á provincia como líder estatal en canto a entidades distinguidas polo SICTED tendo xa conseguido converterse neste 2022 no “mellor destino SICTED” do conxunto do Estado.

O 70% das empresas turísticas do SICTED en Galicia están na provincia de Pontevedra. Son 300 en total as empresas da provincia que optan a revalidar ou acadar por vez primeira o distintivo SICTED, representando a diferentes actividades relacionadas co sector turístico. Abranguen dende hoteis e apartamentos (63), ata establecementos de turismo rural (34), restaurantes (28), axencias (19), oficinas de información turística (17), transportes turísticos (16), adegas (15), guías turísticos (13), museos e centros de interpretación (13), bares e cafeterías (12), empresas de turismo activo (11), cámpings (9), albergues (7), comercios (6), portos deportivos (6), taxis (5), entidades relacionadas co turismo de benestar (5), empresas organizadoras profesionais de congresos (4), praias (4), empresas de artesanía (3), de turismo industrial (3) e de alugueiro de vehículos e embarcacións (1), campos de golf (1), convention bureaux (1), espazos escénicos permanentes (1), parques de ocio (1) e entidades relacionadas coa seguridade cidadá (1).

A comarca con maior número de empresas que optan a revalidar ou acadar o distintivo SICTED é a do Salnés con 84 entidades do Grove, Cambados, Meaño, Vilagarcía, Vilanova,  Meis, Ribadumia e A Illa de Arousa. Seguen a O Salnés as comarcas de Vigo, con 79 entidades de Vigo, Redondela, Nigrán, Mos, Soutomaior e O Porriño; a de Pontevedra, con 48 entidades de Pontevedra, Poio, Vilaboa, Campo Lameiro, Barro e Marín; a comarca do Morrazo, con 41 entidades de Cangas, Bueu e Moaña; a de Caldas con 18 entidades de Caldas, Valga, Cuntis e Moraña e a comarca do Baixo Miño con 30 entidades que optan a renovar ou a acadar o distintivo SICTED dos concellos da Guarda, Oia, Tui, O Rosal e Tomiño.

O esforzo que está a realizar a Deputación de Pontevedra para espallar a metodoloxía do SICTED e o seu compromiso coa calidade turística foi recoñecido este ano co premio ao “Mellor destino SICTED” outorgado pola Secretaría de Estado de Turismo. Para a institución provincial é fundamental espallar sistemas de calidade nas empresas e entidades turísticas da provincia, que garantan sistemas estandarizados e a satisfacción das persoas que consumen produtos e servizos turísticos do territorio.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.