A Deputación destina 140.000 euros ao concello de Salvaterra de Miño para mellorar as instalacións deportivas da Canuda
Trátanse de recursos do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado con 8 millóns de euros para os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia, co que “continuamos modernizando os equipamentos deportivos do conxunto da provincia como nunca antes se fixera”, remarcou o presidente
31/01/2025
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar destinar 140.000 euros do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para que o concello de Salvaterra de Miño melloras nas instalacións deportivas da Canuda. “Cos 8 millóns de euros deste plan, o dobre que na pasada edición, continuamos modernizando os equipamentos deportivos do conxunto da provincia como nunca antes se fixera”, asegurou o presidente provincial, Luis López.
En concreto, os 139.658 € que a Deputación destinará a Salvaterra de Miño ao abeiro do II Plan Extraordinario de Infraestruturas permitiranlle financiar ao 100% está intervención, a través da cal actuarase en tres áreas diferentes: na pista polideportiva para fútbol sala e baloncesto, nas dúas pistas de tenis e na zona de skate park. En todas elas é necesario reparar ou acondicionar, segundo o caso, o pavimento existente na actualidade.
Concretamente, no caso da pista polideportiva, os traballos consistirán en substituír o céspede artificial vello, reparando o pavimento subxacente e procedendo posteriormente ao pintado de toda a superficie do mesmo. Finalmente realizarase o marcado das liñas de unha pista de fútbol Sala e dúas de baloncesto. No caso das pistas de tenis, repararanse as zonas do pavimento poroso danado e procederase ao pintado e posterior marcado de toda a superficie.
Finalmente, os traballos da zona de skate park consistirán na reparación do pavimento de formigón existente, na substitución dos elementos propios do skate park por outros de granito gris máis axeitados e movibles, e finalmente no pintado de toda a superficie con diferentes formas e cores deixando un acabado moderno e moi propio deste deporte urbano.