A Deputación supervisa os traballos que está a desenvolver para conservar e mellorar o firme en tres estradas provinciais ao seu paso polo Concello de Cangas
A deputada provincial Isabel Couselo recorreu as estradas provincias EP-1008 Hío-Vilanova, EP-1007 Praias de Nerga e EP-1006 Hío-Donón nas que se están a realizar actuacións para renovar o pavimento e mellorar a plataforma
30/10/2024
A Deputación de Pontevedra está a executar os traballos de conservación e mellora do firme nas estradas provinciais EP-1008 Hío-Vilanova, EP-1007 Praias de Nerga e EP-1006 Hío-Donón no Concello de Cangas. A deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación, Isabel Couselo, recorreu os tramos das tres estradas nas que que se está a actuar ao abeiro do acordo marco de conservación de firmes na rede viaria da Deputación, que ascende a 4,5 millóns de euros.
Segundo destacou Couselo, as obras de conservación e mellora de firme que se están a realizar nestas estradas ao seu paso polo termo municipal de Cangas teñen por obxectivo manter a capacidade portante do firme, coa renovación da capa de rodadura con aglomerado en quente que vai permitir solucionar as degradacións, deformacións ou fisuras. Ademais do firme, a actuación na EP-1008 Hío-Vilanova, EP-1007 Praias de Nerga e EP-1006 Hío-Donón contempla a reposición da sinalización horizontal e da drenaxe.
Isabel Couselo lembrou que estas obras inclúense no acordo marco de obras de conservación de firmes que ascende a 4,5 millóns de euros e que, no que respecta á zona na que se sitúa Cangas, o lote 4, supón un investimento de case 1,1 millóns de euros. No marco deste lote, xa se actuou en diversos tramos das estradas provinciais EP-0004 Marcón-Pintos-A Reigosa (Pontevedra), na EP-0011 Gatomorto-As Augas (Pontevedra), EP-0103 N-550-Lago de Castiñeiras (Vilaboa), na EP-8202 Souto-Cequeril (Moraña). na EP-1201 Marín-Penizas, na EP-1304 Bueu-Igrexario de Cela e na EP-1305 Igrexario de Cela-Outeiro. Ademais, está previsto que proximamente se inicien actuacións nas estradas provinciais EP-1103 San Benito-Domaio (Moaña), EP-0404 Viascón-Cuspedriños (Cerdedo-Cotobade) e EP-0407 Borela-Pontecaldelas (Cerdedo-Cotobade).