A Deputación destina preto de medio millón de euros ao impulso da cultura e da lingua galega na provincia
A Xunta de Goberno aproba as bases das axudas aos festivais musicais e de artes escénicas e ás actividades de dinamización lingüística en concellos de ata 50.000 habitantes
19/04/2024
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, informou en conferencia de prensa da aprobación na Xunta de Goberno das bases de dúas liñas de axudas á cultura e á lingua galega que suman un total de 465.000 euros tanto para as entidades sen fins lucrativos e culturais coma para os concellos da provincia. Trátase, por unha banda, das achegas ao desenvolvemento de festivais musicais e de artes escénicas e, pola outra, da liña de apoio á realización de actividades de dinamización do noso idioma.
Luis López sinalou que as axudas aos festivais musicais e de artes escénicas na provincia están dotadas de "165.000 euros, un 10 % máis que en 2023", e suporán un apoio da Deputación a estes eventos "con especial atención á programación e difusión da música e das artes escénicas galegas". O presidente da institución provincial lembrou que se poderán beneficiar desta liña de axudas aquelas actividades que, ademais de desenvolverse durante o ano 2024, leven como mínimo tres edicións consecutivas nos últimos catro anos.
No caso das axudas á lingua galega, poderán beneficiarse tanto concellos de menos de 50.000 habitantes coma entidades culturais para que desenvolvan actividades de dinamización, cun crédito de 300.000 euros. Luis López asegurou que "o noso obxectivo é promover, fomentar e difundir as actividades encamiñadas á dinamización da lingua galega", e sinalou algunhas das actividades que se poderán beneficiar das achegas: accións de fomento e uso da lingua galega a través de programas certames literarios e xornalísticos, feiras e eventos ou actividades de creación, actividades de sociolingüística e toponimia como estudos e publicacións ou xornadas, iniciativas de fomento do emprego do galego no comercio e na industria ou campañas de dinamización, entre outras. Todas elas co obxectivo de "promover unha lingua, a miña, que entre todos debemos coidar e promover", concluíu Luis López.