Máis de 7.300 participantes nos plans de formación que a Deputación estende aos concellos da provincia

A convocatoria deste ano presenta un total de 93 cursos de actualización que ofertan contidos que van dende a xestión dos fondos Next Generation á pilotaxe de drons, pasando pola Reforma Laboral, cociña para persoas celíacas ou manexo de desfibriladores

28/03/2022

A  Deputación de Pontevedra volve a apostar pola capacitación profesional das e dos empregados públicos da institución e dos concellos da provincia lanzando unha nova edición do seu Plan Agrupado de Formación Continua, ao que están adheridos un total de 58 municipios, as mancomunidades do Salnés e do Valmiñor, a Escola de Enfermería, o organismo Terra de Sanxenxo e o Consorcio Provincial de Bombeiros. Un ambicioso programa de formación continua que desde 2016 rexistra un total de 7.330 participantes gracias ao desenvolvemento de 315 accións formativas, canalizadas a través dun total de 8.793 horas de formación.

A convocatoria do Plan Agrupado para este ano 2022, publicada hoxe no BOPPO, ofrece un novo e amplo catálogo de 93 cursos , dos que un 57 se ofrecerán en liña, outros 5 serán tamén en liña con videoformación, un total de 25 en formato presencial e, finalmente, 6 na modalidade semipresencial. Algúns deles están dirixidos a centros específicos ou a persoal con funcións moi concretas, mentres que outros teñen un carácter máis xenérico. En suma, constitúen un abano formativo que dá resposta a boa parte das necesidades de actualización das persoas que prestan servizo nas entidades locais da provincia.

A oferta de cursos online aborda cuestións como a resolución de conflitos con mozos/as, ferramentas de tradución por ordenador, Inglés, ciberseguridade, protección á infancia, riscos laborais, fondos e subvencións europeas, fondos Next Generation, linguaxe administrativa galega, protección de datos, fotografía dixital, a Reforma Laboral, o teletraballo, a contratación pública, a transparencia, protocolo, adicións ás tecnoloxías en menores, elaboración de Relacións de Postos de Traballo, márketing turístico ou seguridade viaria. Os cursos online con videoformación abordarán cuestións como o procedemento administrativo no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia ou protección de datos. Os cursos presenciais ocuparanse da montaxe e desmontaxe de estadas, mantemento de árbores ornamentais, compostos bioactivos vexetais ou o xestor de expedientes Cívidas, benestar animal, cociña para persoas celíacas, manexo de desfibriladores ou pilotos/as de drons. Finalmente, en modalidade semipresencial ofrécense cursos sobre prevencións de riscos no manexo de rozadoras ou motoserras, equipos contraincendios, os contratos menores, ou o “open data”.

A Deputación converteu a elaboración do catálogo de cursos anuais nun proceso participativo, no que se ten moi en conta á voz dos empregados/as públicos da provincia, toda vez que as persoas participantes enchen un formulario de satisfacción ao remate de cada itinerario, no que expresan as súas suxestións sobre preferencias temáticas para as seguintes convocatorias.

O prazo de presentación das solicitudes é de 20 días naturais. Cada persoa poderá participar nun máximo de dous cursos online por semestre, mentres que non hai límite para participar nos que se presten presencial ou semipresencialmente sempre que se logre a admisión. Tódalas persoas participantes que superen os cursos obterán un certificado de superación.

O Plan Agrupado de Formación da Deputación conta cunha subvención da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e tense convertido nunha valiosa ferramenta de formación continua para as entidades locais da provincia, nun momento no que a Administración pública está en constante evolución a raíz da chegada dos procedementos electrónicos, o impacto da pandemia, ou as especialidades administrativas derivadas dos fondos europeos ou os últimos cambios lexislativos, entre outras circunstancias.

Ligazóns de interese