A Deputación organiza esta fin de semana tres novas saídas ao abeiro do programa +Convivencia

200 veciños e veciñas de Vilanova de Arousa, A Lama e Cambados desfrutarán de recursos de interese turístico da provincia como Meirande, a cidade de Vigo ou a Ruta Xacobea Translatio

04/12/2024

200 veciños e veciñas de tres colectivos sociais dos concellos da Lama, Cambados e Vilanova de Arousa participarán entre este venres 6 de decembro e o domingo 8  en saídas do programa +Convivencia, unha iniciativa da Deputación de Pontevedra que ofrece a oportunidade de compartir experiencias e crear espazos de participación en recursos patrimoniais da provincia. Neste caso, o programa permitiralles desfrutar de recursos de interese turístico da provincia como Meirande, a cidade de Vigo ou a Ruta Xacobea Translatio.

Un total de 55 persoas da ANPA As Chans do CEIP San Bartolomé de Tremoedo, de Vilanova de Arousa, viaxarán á cidade de Vigo. Ao día seguinte, sábado 7, 91 persoas da Asociación de Pais e Nais de Alumnos Cal do Vergazo, da Lama, farán unha visita guiada a Meirande e ao Centro de Visitantes do Parque Nacional das Illas Atlánticas. Por último, 55 persoas da ANPA Santa Mariña Dozo, de Cambados, farán a Ruta Xacobea Translatio polo Mar de Arousa e o Río Ulla

O programa +Convivencia, cun orzamento de 220.000 euros, permite a entidades sen fins de lucro coñecer o patrimonio natural, artístico, etnográfico e cultural da provincia de Pontevedra. A Deputación oferta un amplo catálogo de actividades relacionadas coa arqueoloxía, coa arquitectura civil, a relixiosa ou a popular, co Camiño de Santiago ou cos museos. Como novidade, o goberno provincial destina este ano a cada entidade unha axuda de ata mil euros para que poida xestionar e deseñar con total autonomía a súa actividade, favorecendo a contratación de empresas do tecido máis próximo e estimulando a economía local.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.