Luisa Sánchez presenta a Liga de Inverno Cíes-Rande 2025 e remarca o seu papel na desestacionalización do calendario de competicións náuticas na ría de Vigo
16/01/2025
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou este venres na Autoridade Portuaria de Vigo na presentación da Liga de Inverno Cíes-Rande 2025, organizada polas entidades náuticas da ría de Vigo e que se disputará ao longo de varias xornadas entre o 25 de xaneiro e o mes de maio. Luisa Sánchez deu os parabéns por “poñer en marcha este circuíto, que é unha mostra de competitividade sa e de colaboración para seguir dinamizando este territorio tan propicio ao deporte e á actividade deportiva”, que ademais contribúe “a desestacionalizar o noso calendario de competicións e, polo tanto, tamén os motivos para que os afeccionados se acheguen á provincia”.
A vicepresidenta lembrou que a proba, que conta co apoio da Deputación, “tivo o ano pasado un grande arranque e este ano queremos darlle un salto de nivel para que a participación siga aumentando”. Luisa Sánchez sinalou que a iniciativa se enmarca “no noso obxectivo desde a Deputación de consolidarnos como un dos principais escenarios mundiais do deporte. Conseguirémolo grazas a clubs como estes, moi implicados e que traballan dando o mellor de si mesmos, o que repercute enormemente na excelencia do deporte da provincia”.